Conflito xeneracional. Aleluia, IU.

Púxose de moda a aprendizaxe pola investigación e a experimentación, que está ben. Pero tampouco ten nada de malo aprender das investigacións e dos experimentos doutros. Entre outras cousas porque o proceso da aprendizaxe sería moi lenta e moi limitada se cada persoa só tivese os coñecementos adquiridos pola súa propia investigación e experimentación.

Coma non nos gustan os termos medios, pasamos de aprender só o que nos contaban os “maiores” a cuestionar ou desbotar calquera cousa que veña deles.

Isto vén a conto dunha iniciativa que IU está a levar a cabo para derrogar os acordos coa Santa Sé. Aleluia!!!

Entre os anos 1985 e 1990 (+-) estabamos no Ministerio de Educación -sendo ministro Maravall- preparando unha Lei de Educación (LOXSE). A intención, entre outras, era retirar do ensino a materia de relixión. E topámonos cos acordos coa Santa Sé. Maravall tentou derrogar eses acordos pero o goberno ao que pertencía non o considerou oportuno nese momento. Con todo esa disciplina quitouse do currículo -non era avaliable-, pero non do horario. Do currículo ocupábase a Igrexa -supervisado polo Ministerio.

E a partir de aí empezou a “guerra”. Dependendo de quen estea no goberno a nota de relixión conta ou non, pero a asignatura segue aí porque así o determinan os acordos.

Despois de máis de trinta anos IU argumenta na súa petición de sinaturas para derrogalos que non se pode facer moito ao repecto da laicidade porque sempre se tropeza cos dichosos acordos.

En fechas recientes se ha creado una Subcomisión en el Congreso de los Diputados para la consecución de un pretendido “pacto educativo”, que en ningún caso podrá avanzar en la necesaria laicidad de la enseñanza si se desarrolla bajo las condiciones de dichos Acuerdos.

En serio? Despois de trinta anos? É que non falan cos maiores?

Se non vai desta espero que non haxa que esperar a que os fillos dos que se deron conta agora, experimenten a necesidade por si mesmos dentro doutros trinta anos.

Con todo agradezo a iniciativa. Por aí ten que ir o asunto e non quedarse en se a nota conta ou non ou se na TV emiten a misa.

Advertisements