A Ciencia

Onte estiven nunha interesante e bonita conferencia “A contaminación lumínica: o ano en que perdemos o ceo” organizada polo Ateneo de Santiago -Sección de Ciencia e Tecnoloxía- e impartida polo Profesor Salvador Bará, do Departamento de Física Aplicada -área de Óptica- da USC.

Ademais de previrnos sobre o efecto negativo da iluminación nocturna excesiva para poder observar as estrelas, tamén nos advertiu das argumentacións pseudocientíficas para defender a iluminación excesiva.

Temos a crencia de que os lugares ben iluminados son máis seguros pero non hai probas científicas para soster esta afirmación: non se producen máis “incidentes” nos lugares obscuros que nos iluminados, e aínda máis, dependendo de como sexa a iluminación o que fai é deslumbrarnos impedindo que vexamos o que hai detrás do foco luminoso. Outra cousa que nos aclarou é que as lámpadas led non son tan eficiente como pensamos porque a eficiencia está medida nunhas condicións que non son as ambientais. Tamén aquí hai un inconveniente engadido: como consumen menos poñemos máis ou témolas máis tempo acesas polo que o gasto final é maior, e parece que esta afirmación está comprobada -a nivel xeral, do consumo dunha poboación, non individual.

Todo isto levoume a unha observación máis xeral.

Non temos moi desenvolvidas as nosas capacidades científicas. Dio o informe PISA e tamén outros moitos estudos. Tampouco fai falta facer moitos estudos, non hai máis que observar un pouco o comportamento da xente; no tema da saúde, por poñer un exemplo de algo que nos importa moito, hai persoas que se autodiagnostican e automedican tendo en conta o que lle dixo alguén ou mirando en internet, deixan de comer un producto porque alguén dixo en internet que é canceríxeno… por non mentar as que cren xs antivacinas antes que xs pediatras.

As relixións non axudan moito a formar o pensamento científico, aínda hoxe hai creacionistas.

E o Capitalismo tampouco. Para o seu único obxectivo, ter beneficios, hai que convencer aos consumidores de que un producto é obxectivamente necesario, e recorren á ciencia e á pseudociencia.

Debería haber unha páxina web -como a de Carmena- para os desmentidos científicos.