Asinar ao chou

É algo que facemos diariamente, asinar ou aceptar contratos ás cegas.

Aceptamos a política de cookies e nin sequera sabemos o que son as cookies; aceptamos as condicións -nin idea de que condicións- do contrato -nin idea de que contrato- cando descargamos unha aplicación ou unha actualización do softwere do equipo informático; aceptamos, por teléfono, as condicións do contrato coa nova compañía telefónica…

Asinamos o contrato do seguro da casa ou do coche polo que nos di a persoa que nos atende pero en realidade non coñecemos a cobertura ata que queremos utilizalo. E aínda así acabamos sabendo unha cousa que non inclúe. Asinamos no banco a actualización dos datos persoais pero en realidade non sabemos se é iso ou outra cousa, confiamos que sexa iso.

Cando chegan as consecuencias deste proceder ao tuntún, entón dicimos que nos enganaron, que eu cría que era outra cousa. Unhas veces será certo e outras non. E isto vale para todxs: para xs políticxs corruptxs e para a cidadanía en xeral.

Hai sentenzas moi sinxelas que son moi útiles, unha delas é se non o entendes non o merques, así de fácil. E se o mercas -que es moi libre- non delegues a responsabilidade.

Unha amiga contoume que o seu avó, unha persoa con poucos estudos formais, que xa vivira a república e nese momento estaba na dictadura, cando tiña que ir ao Concello -sempre, por se acaso, e especialmente se o chamaban- vendaba a man dereita -era destro- para ter unha excusa e non asinar nada, de momento. Por se hai algunha persoa nova lendo isto, aclararlle que nese momento as autoridades non aceptaba ben que rexeitases o que che propuñan.

Pois iso, pode que nen tanto nen tan calvo, pero con rumbo.

Autonomía

Non, non vou falar de Cataluña. Vou falar de autonomía en xeral.

Cremos –non pensamos- que somos autónomxs e tamén cremos que nos gusta ser autónomxs. Pois eu penso que as dúas hipóteses son falsas.

O que nos gusta é que todo esté moi regulamentado para despois cada quen cumprir as normas ou non, segundo conveña e sen responsabilidades.

Vou poñer un exemplo.

Son docente pero tiven unha paréntese no meu traballo de aula. Estiven no Ministerio de Educación y Ciencia traballando no proceso de elaboración e desenvolvemento dunha Lei.

Un dos obxectivos desa Lei era dotar aos Centros educativos de autonomía para a súa organización e xestión.

Os Equipos directivos e os Claustros empezaron a pedir que se pecharan moitas cousas que segundo eles estaban moi abertas, vou escoller unha, concretamente as condicións de promoción do alumnado dun ciclo a outro.

A Lei dicía que sería a Xunta de Avaliación a que tomaría a decisión de promoción ou non ao ciclo seguinte en función de que se considerara que, globalmente, @ alumnx conseguira os obxectivos xerais do ciclo.

Houbo solicitudes de que se concretaran as condicións e concretouse:

Con dúas suspensas pasa

Con máis de dúas había unhas condicións.

Cando volvín ás aulas a práctica era que se na Xunta de Avaliación se consideraba que @ alumnx debía promocionar, buscábamos a maneira de encaixalx nas condicións até o pundo de mirar qué materia se lle pode aprobar sen que sexa moi escandaloso.

Para isto se pedira a regulamentación? Pois si, porque se repite é porque non cumple as condicións que manda a Administración, non porque o decidira a Xunta de Avaliación.

O dito… O que me da a gana sen asumir responsabilidades.