Ecoloxismo: plástico e papel

Ás veces non entendo moi ben o ecoloxismo, ou mellor dito a moitxs ecoloxistas que andan polas redes.

Hai pouco había un fío no que se reprochaba a Mercadona (e aquí quero tamén dicir que non sei porque da a impresión de que os únicos empresarios “malos” son os de Mercadona e os do Grupo Indités) a utilización de plásticos cando anunciaron que ían substituír as bolsas de plástico polas de papel -basicamente dicían que hai que mudar tamén as do pan, da froita… e non só as que dan aos consumidores.

Polo que se informa á cidadanía eu entendo que o peor dos plasticos é o tratamento do refugallo. O plástico non degrada e polo tanto chega á cadea alimentaria humana ademais do mal que pode facer aos animais, tanto na alimentación coma fisicamente ao quedar atrapados ou afogados nel.

Supoño -aínda que isto non o oín- que no proceso de produción tamén se contaminará dalgunha maneira. Pero en tódolos procesos de produción -e ata na respiración- se produce contaminación.

Se o problema está basicamente no lixo a solución non será que paguemos as bolsas, coma se veu facendo ata o de agora senón en reducir, reempregar e reciclar.

Substituír o plástico por papel non o remato de ver. O papel é degradable, si, pero non é fácil de reutilizar -é moi perecedoiro- e unha parte importante non se pode reciclar -papel hixiénico, panos dos mocos, manteis, panos de mesa…- E tendo en conta de onde sae a materia prima para a súa fabricación…

Pois digo eu… Aumentar o consumo de papel é ecolóxico?