Realidade virtual

Onte vin na sexta a entrevista que lle fixo Évole a Varoufakis. En varias ocasións Varoufakis explicou a Évole que a información que tiña respecto do que pasa nas reunións europeas: consellos de ministros, comisións… non é certa, que esa información é a que dan os xornalistas que ven a política e os partidos políticos coma un partido de fúbol. Segundo Varoufakis as reunións son serias, escoitanse uns aos outros, buscan solucións… -uns xornalistas dixeran previamente que cando fala o ministro grego, os outros len a prensa ou manexan as tabletas.

Insistiu, en mais dunha ocasión, en que o que vemos na prensa non ten nada a ver co que pasa na realidade. Mesmo nun momento pareceume que quíxolle botar na cara que a información que tiña era só a sacada dos xornais.

Aquí quero dicir dúas cousas relacionadas cos medios de comunicación; a primeira é que concordo con Varoufakis en que moitos xornalistas “interpretan” os feitos con ese enfoque futbolístico e despois dan a noticia e opinan, co que a realidade resultante pode distar moito da acontecida ou polo menos ter outros matices, e a segunda é que outros xornalistas, coma o caso que comento, en vez de preguntar directamente preguntan a través dos comentarios ou das noticias doutros xornalistas. Isto obriga a/ao entrevistadx a ter que desmentir a noticia, a atención xa se fixa neste aspecto e queda desdibuxada a súa propia opinión -fóra da confrontación.

A mellor proba da realidade virtual son as redes sociais.

Os programas de TV utilizan a posición do programa nos temas do momento (trending topic) para presumir de audiencia, e iso é certo en parte, se estou opinando é porque o estou vendo. Ao mesmo tempo, nos tuit, estase a falar mal do programa, ou dos tertulianos, ou do presentador… pero iso non importa, só que o están vendo. E a xente que tuitea criticando está a darlle audiencia ao programa, crea polémica na rede e a xente sintoniza o programa. Total unha realidade nas redes denostando algo e unha realidade real coa porcentaxe de audiencia mais alta da súa franxa horaria.

Hai pouco houbo unha campaña en tuiter para baixar a audiencia dunha cadea que o que fixo foi colocala líder.

Advertisements