Que crusss!!!

Hoxe Iñaki Gabilondo fala de Lo que va a pasar , no seu videoblog. Fai un pronóstico para despois destas eleccións que case concorda cun que fixen eu en tuiter ao día seguinte das anteriores, a diferencia está no apoio expreso ou a abstención de C’s pero non no resultado final.Captura de pantalla 2016-05-30 a las 11.31.47.png

Como ao remate isto sexa así vaime xurdir a dúbida de que eu son unha “fenómena” da análise política ou que os que si son analistas da política andan a xogar connosco. E aínda que a min me gusta a política e sígoa bastante de cerca, máis ben me inclino polo segundo.

Eu sabía, dende o momento que Pablo Iglesias dixo que lles faltara unha semana e dous debates de campaña para poñerse por diante do PSOE, que Podemos non apoiaría ao PSOE e tamén supoño que con sorpaso ou sen el non se apoirán un ao outro a partir do 26j.

Non penso que algún dos dous teña máis responsabilidade que o outro -falo dos partidos. Dende o punto de vista partidario non lles convén e os dous teñen razóns lexítimas para actuar desta maneira.

A militancia máis entregada está convencida de que “o malo”, o que se move por intereses partidistas, é o outro. Pero unha parte da cidadanía sen militancia política -que é o meu caso- non tragamos esa roda de muíño.

Señores da vella e da nova forma de facer política -especialmente os da nova- menos debater e máis actuar.

Advertisements

O que importa

Até o de agora non escribín sobre os pactos de investidura porque estou un pouco farta destas situacións nas que me parece que todo o mundo esquence o que para min é o fundamental. Iñaki Gabilondo, no artigo do seu videoblog La madre de nuestro cordero, do xoves pasado, reflexiona sobre a importancia que lle damos, analizando dende todos os puntos de vista posibles e imposibles, ao que se xogan os candidatos e os partidos aos que representan -nestes intentos de investidura- e, pola contra, o pouco que analizamos o que nos xogamos a cidadanía.

Eu -cando teño que tomar unha decisión- trato de diferenciar o principal do secundario e dentro do principal, proirizar. É imposible chegar a unha solución que contemple todos os elementos implicados no problema.

Pois no caso destas eleccións o primeiro para min é levar ao PP a oposición. Pero non porque gobernasen mal nin porque pense que ese partido teña que desaparecer. Ten que ir a oposición a rexenerarse.

No poder non se rexenera ninguén. Xa lle pasou ao PSOE que debería ter ido á oposición no 93, a cidadanía doulle outra oportunidade pero as cousas estaban demasiado enfangadas e xa o 96 foi o definitivo. Tres anos perdidos, penso eu. Tamén penso que foi bo para o PSOE ir a oposición. Con isto non quero dicir que agora non haxa no PSOE as súas cousas pero nos comportamentos sociais a excelencia non existe. Temos que convivir cun certo grao de inseguridade, inxustiza, deshonra… coa imperfección, vaia.

O PP ten que estar aí, hai moita xente de dereitas e ten que ter un partido que a represente, pero un partido honrado, coma a maioría da base que o substenta. A mesma cúpula do partido estao a dicir tódolos días, a maioría é decente. O problema é que a minoría non decente é a que está a controlar o partido. Desmantelar esa estructura mantendo o poder non é posible porque interfiren moitos intereses.

Por iso para min o fundamental neste caso é a rexeneración do PP. Sería bo para toda a sociedade. E a rexeneración pasa pola oposición, así, sen máis voltas. Todo o demais virá por riba, que dicía nalgún sitio.

Pero… só digo eu…

 

O PSOE e eu

O meu despertar político, no sentido estricto, foi na Universidade. Eu xa era protestona de natural, fora delegada de clase en algunha ocasión… Pero por aquelas a sociedade non estaba politizada e as reivindicacións eran estrictamente académicas: horarios de exames, algunhas protestas pola metodoloxía do profesorado…

Ao entrar na Universidade eu tiña un mozo -dicíase así- do PSOE. El vivía nun piso con outros tamén relacionados con ese partido. Decidiron tutelarme ideoloxicamente e eu deixábame daquela maneira -ler tódolos discursos de Allende parecíame excesivo e despois duns cuantos daba por finalizada a tarefa e dicíalles que os lira todos.

O PSOE non tiña moita implantación nesta Universidade, xa daquela tiña sona de moderado, e empecei a relacionarme -nos comités de curso- coa xente de ERGA, MC, PC…

A partir dese momento empecei a votar a partidos ou coalicións de esquerda nacionalista. Pero gustábame que o PSOE estivera aí. Era algo así coma xs xóvenes que se independizan porque a familia xs limita pero van lavar a roupa, comer e buscar os “tupper” á casa dos seus pais. Nalgunha ocasión, nas xerais, mesmo o teño votado, polo do voto útil.

Seguín a ter relacións persoais con persoas do PSOE e continuaba e continúo sen votalo. Pero sigo a pensar que debe estar aí, o mesmo que IU. Teñen xente -cadros- moi bos e pareceríame un tremendo erro que desapareceran da política.

Por iso non me gusta o discurso de que teñen que desaparecer “os vellos partidos”. Que non sei se iso quere dicir que o obxectivo e cambiar o bipartidismo PP-PSOE polo bipartidismo C’s-Podemos.

En fin… Que lles teño certa querencia, unhas veces paréceme que o fan bastante ben, outras non tanto… Espero que sigan aí, con épocas mellores e peores, gobernando e na oposición… Dáme certa seguridade.

Agradecemento

Hoxe recibín unha carta de Pedro Sánchez agradecéndome o meu traballo e o meu esforzo de toda a vida, e a miña contribución a que a nosa sociedade sexa mellor.

Xa… non pensedes que chochei de todo, sei que o meu nome e enderezo están sacados dun dos múltiples rexistros de datos que andan pululando por aí -nin se sabe cantos nin onde. Tamén a miña situación laboral de xubilada. A partir de iso, só é cuestión de facer un modelo de carta e mandala. Supoño que haberá outras para desempregadxs, autónomxs…

Aínda así agradézollo. Non votarei ao seu partido, pero agradézollo. Nunca antes recebira no meu domicilio unha carta de agradecemento por nada. Nin sequera por contribucións económicas que teño feito a plataformas -ás que si votei-, a sociedades sen ánimo de lucro, a candidatos en campaña que fan colectas -crowdfunding, chámanlle agora-… Tampouco as autoridades académicas correspondentes me deron as grazas, cando me xubilei, polo meu traballo.

Que digo eu… Que traballo costa?

Dar as grazas, xunto con pedir desculpas, son xestos que non facemos habitualmente. Na vida persoal tampouco. Cando fas algo por outras persoas, non sei moi ben por que código social, parece que é o que tiñas que facer de serie. E aínda máis, se non o fas é que eres mala persoa.

Por iso, aínda que sexa unha parvada:

Grazas Pedro Sánchez-PSOE