Ecoloxía e pseudociencia

Xa sei que o pensamento científico non é o máis común na nosa sociedade.

Tamén sei que somos menos ecolóxicos canto máis avanzamos en economía e tecnoloxía.

Eu entendo que unha empresa que quere venderme un producto utilice argumentos pseudocientíficos para convencerme de que ese producto é bo e ademais é ecolóxico. Xa conto con iso. Dos que se consideran ecoloxistas, non.

Xa teño comentado que non me parece máis ecolóxico substituír o plástico por papel (é certo que o plástico non degrada; pero tamén o é que para fabricar papel hai que talar árbores, polo que a cuestión paréceme que está en que facemos co plástico).

Hoxe vou co papel hixiénico húmido.

Para empezar deberiamos diferenciar o papel hixiénico húmido das toalliñas limpadoras, desmaquilantes… Que quede claro que non son partidaria de botar ao váter nada que non sexa papel hixiénico, e non o fago.

Uso papel humido dende que me operei de hemorroides, por indicación do cirurxán. Ao principio usaba un de farmacia que tiña unha substancia desinfectante -ademais de ser máis suave. Aínda non estaba comercializado o “normal”. Logo pasei a usar o húmido normal.

Ultimamente empezou a entrarme algo de mala conciencia polos “transtornos” que ocasiona.

Así que decidín facer un experimento. Metín unha porción -unha toalliña- en auga. E isto foi o que pasou.

1.- Uns minutos máis tarde

0d8c5f91-aa59-4cbd-846c-b61cd9c84cb2.jpg

2.- Unhas horas máis tarde.

5d89d4af-ab89-4261-ab03-6b4921b7fa01.jpg4ae64575-a094-4c3d-883d-3c47389ad436.jpg

Así que xa me quedo máis tranquila. Degrada.

Quero mandarlle unha mensaxe a todos aqueles que nos avisan nas redes de todas as cousas que son malísimas: Antes de porvos tan estupendos e de poñer as empresas de malísimas informádevos ben e despois diferenciar as toalliñas limpadoras do papel hixiénico húmido. E se atopades un papel hixiénico que non degrade, decide cal é.

Neste caso parece máis fiable a empresa fabricante que as persoas que nos alertan.

07ad1da0-2747-4306-9292-5699aef40c66.jpg

A Ciencia

Onte estiven nunha interesante e bonita conferencia “A contaminación lumínica: o ano en que perdemos o ceo” organizada polo Ateneo de Santiago -Sección de Ciencia e Tecnoloxía- e impartida polo Profesor Salvador Bará, do Departamento de Física Aplicada -área de Óptica- da USC.

Ademais de previrnos sobre o efecto negativo da iluminación nocturna excesiva para poder observar as estrelas, tamén nos advertiu das argumentacións pseudocientíficas para defender a iluminación excesiva.

Temos a crencia de que os lugares ben iluminados son máis seguros pero non hai probas científicas para soster esta afirmación: non se producen máis “incidentes” nos lugares obscuros que nos iluminados, e aínda máis, dependendo de como sexa a iluminación o que fai é deslumbrarnos impedindo que vexamos o que hai detrás do foco luminoso. Outra cousa que nos aclarou é que as lámpadas led non son tan eficiente como pensamos porque a eficiencia está medida nunhas condicións que non son as ambientais. Tamén aquí hai un inconveniente engadido: como consumen menos poñemos máis ou témolas máis tempo acesas polo que o gasto final é maior, e parece que esta afirmación está comprobada -a nivel xeral, do consumo dunha poboación, non individual.

Todo isto levoume a unha observación máis xeral.

Non temos moi desenvolvidas as nosas capacidades científicas. Dio o informe PISA e tamén outros moitos estudos. Tampouco fai falta facer moitos estudos, non hai máis que observar un pouco o comportamento da xente; no tema da saúde, por poñer un exemplo de algo que nos importa moito, hai persoas que se autodiagnostican e automedican tendo en conta o que lle dixo alguén ou mirando en internet, deixan de comer un producto porque alguén dixo en internet que é canceríxeno… por non mentar as que cren xs antivacinas antes que xs pediatras.

As relixións non axudan moito a formar o pensamento científico, aínda hoxe hai creacionistas.

E o Capitalismo tampouco. Para o seu único obxectivo, ter beneficios, hai que convencer aos consumidores de que un producto é obxectivamente necesario, e recorren á ciencia e á pseudociencia.

Debería haber unha páxina web -como a de Carmena- para os desmentidos científicos.