Proxecto familiar

Todxs temos un proxecto de vida familiar, incluindo as que non temos descendencia -familia unipersonal.

No meu proxecto estaba vivir dacordo coas miñas posibilidades, que era o meu salario. Subliño miñas porque considero que se realmente queres ser independente non debes incluír á túa familia nel; nin os cartos nin o patrimonio. Tampouco penso que herdar teña que ser un dereito, se se aceptara que cada  quen pode facer o que queira co que é seu non habería tantas leas coas herdanzas.

Pois concordando co meu proxecto vital, vivín de aluguer ata os cincuenta e pico anos e dedicaba os meus aforros para viaxar. Tamén vivín dunha forma sobria: coches de baixa gama, roupa de cadeas téxtiles ou de rebaixas, poucas ceas e copas…

Ao ir cumprindo anos pensei que sería máis rendible mercar unha vivenda, modesta, se quería vivir con tranquilidade cando chegase a xubilación -diminuíndo as viaxes-, e así o fixen. Por certo, José María Linde, se moitxs xubilados temos unha vivenda en propiedade foi porque pensamos que era mellor que un plan de pensións, é máis, foi o noso plan de pensións. Pero non o fixemos para poder sobrevivir senon para poder vivir mellor.

O que teño non foi por herdanza e o que herdei -hai pouco- vouno doar.

Teño que dicir que se puiden facer isto foi porque tiña un salario algo maior que o triplo do salario mínimo interprofesional. Por iso me sorprendeu que nun momento se falase tanto desa cantidade coma tope do que calquera traballador público debe cobrar. E refírome exclusivamente ao salario, non ao que se cobra.

Sorprendeume porque eu puiden levar unha vida digna pero sen luxos co meu salario sendo unha persoa austera que vive soa.

Penso que todxs teriamos que poder desenvolver o noso proxecto vital por nós mesmos, co noso salario. Que alguén o poida facer con aforros que proveñen de actividades remuneradas fóra do salario e de axudas familiares… Vale, vivimos nunha sociedade capitalista. Pero non só esas persoas deben poder facelo.

Un salario debería dar para algo máis que para sobrevivir.

Por iso insisto no que xa teño dito moitas veces: os salarios, nin tocalos para reducilos. De aí teñen que saír os proxectos vitais da xente, as cotizacións a Seguridade Social, os impostos…