Os Beléns de Martiño

A prensa local compostelá e a dereita -valla a redundancia- teñen como misión prioritaria desprestixiar a Martiño Noriega, si, a el persoalmente. Non ao goberno municipal, nin sequera ao alcalde. Saben que nas municipais a xente vota á persoa que encabeza a candidatura máis que ao partido que representa.

Nunha cidade coma Compostela o tema relixioso dá moito de si. A Catedral, o Apóstolo… son unha parte moi importante da súa economía. Por iso hai que aproveitar que o alcalde sexa partidario de diferenciar, sin enfrontar, as dúas institucións -Igrexa e Concello.

Pero este matiz, sen enfrontar, non lles vale a prensa e á dereita. Están empeñados en buscar un rechazo que na realidade non existe. Por máis que as autoridades eclesiásticas teñan manifestado que as relacións son boas… eles nin caso.

Vou pór coma exemplo a campaña Compostela en negro contra a violencia de xénero. O Concello puxo en marcha, no 2015, esta campaña e este ano conseguiu moita repercusión non só en Compostela senon noutos moitos concellos. A Catedral sumouse a esta iniciativa despregando na súa fachada un pano enorme co logo -supoño que o estar a fachada con andamios facilitouno- e o Concello e o Alcalde agradeceron ao Deán a súa colaboración. É isto enfrontamento?

O Nadal é un momento moi bo para buscar “anticatolicismo”. O ano pasado foi que non se puxo o Belén no Obradoiro e que a cabalgata de reis tiña poucas carrozas e había poucos caramelos -que eu me enterase. ¿?

O Belén foi substituído por un que se colocou nunha Igrexa emblemática -San Fiz de Solovio, a parroquia máis antiga e a de máis tradición navideña da cidade- que o resto do ano ten un horario de apertura moi restrinxido.

Polo que se refire á cabalgata parece ser que antes había máis carrozas e que algunhas tiñan como animación bailarinas -majorettes. Que digo eu que a quen ían dirixidas esas carrozas e que ten a ver esa animación cos reis magos. O da falta de caramelos… xa non sei que dicir. Por unha banda os caramelos xa son problemáticos de serie; que se os azúcares, que se a lactosa… E por outra teño visto algunha persoa marchar para a casa cunha bolsa do supermercado case chea.

Este ano as críticas para o Nadal están na falta de gasto na iluminación e na ornamentación do Obradoiro.  A min un bosque de contos e sons do Nadal, que te podes meter dentro, paréceme canto menos orixinal.

Para as da cabalgata de reis haberá que esperar uns días.

Advertisements

O mensaxeiro

Xa vos vale!!!

Que a prensa, e xs xornalistas, se definan coma mensaxeiros ten algo de delito.

A prensa, ou mellor dito as empresas de comunicación, constitúen un poder, e dada a debilidade dos outros tres pode que agora mesmo xa non sexa o cuarto.

Unha campaña de prensa derruba gobernos, sábeno tanto o PP coma o PSOE -a nivel estatal- E o PSOE e o BNG en Galiza. Non é que mo pareza a min, é que nos casos de González e Aznar foron os propios directores dos xornais os que contaron a estratexia da campaña.

No caso de Galiza, non sei se La voz de galicia o recoñeceu publicamente ou non, pero foi moi evidente a campaña de desprestixio ao bipartito -especialmente ao BNG- en vésperas das eleccións.

Cando nos queren facer crer que están defendendo o dereito a información da cidadanía, tamén están a facer política. A prensa e xs políticos -e xa empezo a pensar que a xudicatura tamén- utilizan a mesma estratexia coa utilización da información: ter moita ben gardada e ir sacándoa segundo a persoa, o partido ou o momento electoral.

O dereito a saber da cidadanía non é absoluto. En moitos casos a xente querería ver as fotos de nenxs vítimas de calquera traxedia; querería saber datos dunha investigación a terroristas, por exemplo; ou simplemente cotilleos da vida privada de alguén. Pero hai outros dereitos que se deben respectar, e o de información non pode ser sempre o prioritario.

Non me queiras enganar ti tamén, prensa. Non es mensaxeira. Nin sequera transmites a mensaxe obxectivamente porque se non che gusta a mensaxe, en troques de deixarme a min que decida se me gusta ou non, xa me das a opinión no medio da mensaxe. Que non digo que non opines, pero por separado. Non me mezcles a información coa túa opinión porque as veces xa non se distingue unha cousa da outra. E digo “che gusta” xenericamente porque moitas veces non se trata diso senón de xerar bulla por unha estratexia comercial da empresa.

Aproveitas o cabreo da cidadanía -que neste momento pediría a pena de morte por un “quítame de aí esa palla”- para saltarte tódalas normas legais e éticas.

Corromper a alguén para conseguir ilegalmente unha información reservada non é transmitir unha mensaxe.

Non me manipules!