Populismo, sentimentalismo

Estase a falar moitísimo de Populismo e eu cada paso estou máis confundida.

Moitas persoas falan del identificándoo coa ideoloxía de extrema dereita.

Recorrín aos dicionarios para ver cal era a definición e atopei a da RAE, bastante xenérica,

“Popularismo. Tendencia política que pretende atraerse a las clases populares.” E, segundo esta definición, eu diría que o populismo é transversal. Todos os partidos políticos pretenden que os voten toda a cidadanía, aínda que tamén é certo que ata a crise centrábanse máis nas clases maioritarias -o que ata agora era clase media, media alta…- e que están máis integradas no sistema. Na medida na que as clases populares aumentan de poboación, o interese por elas tamén.

Na RAG atopeime cunha algo máis explícita; “Populismo. Práctica política que, baixo a pretensión de defender os intereses populares, utilizando mesmo a demagoxia, trata de conseguir o apoio político do pobo.” Aquí cuestiónase a veracidade do obxectivo -defender os intereses populares- e tamén a maneira de conseguilos; utilizando os sentimentos, a irracionalidade.

E na irracionalidade está, ao meu ver, a nai do año. Hoxe lin o artigo Periodismo basado en datos falsos de Iñigo Sáenz de Ugarte, en eldiario.es e pareceume que reflicte bastante ben como estamos dispostxs a esquecernos da racionalidade especialmente cando se trata dun asunto no que se apela aos sentimentos. As persoas que queren manipular fano por intereses económicos ou electorais e as manipuladas porque as árbores -sentimentos- non lle deixan ver o bosque -irracionalidade da historia.

A Política e o Xornalismo son dous campos nos que é rendible manipular os sentimentos da xente, conségense máis votos nun caso e audiencias, ventas… no outro.

O curioso, e para min tamén preocupante, é que nas redes sociais -que parece que naceron para que a verdade non teña cancelas, que nin as empresas de comunicación nin os políticos poden controlar…- tamén se está apelando permanentemente aos sentimentos.

A veces teño a impresión de que imos chegar a un punto no que non seamos capaces de diferenciar un razoamento lóxico dun ilóxico.

Que digo imos chegar!!! agora mesmo xa se fala da túa lóxica ou da miña lóxica coma se de opinións se tratase.

Sálvame

A min paréceme noxento por varias razóns.

Para empezar porque o funcionamento está baseado no esquema atacar-pedir perdón-volver atacar entre xs colaboradorxs, esquema que utilizan os violentos nos casos de matonismo, maltrato ás mulleres… Será para empatizar cos baixos instintos da xente?

Continuando porque me parece homófobo. Si, pese a que os donos da productora e o presentador son homosexuais, non dubidan en utilizar a posible homosexualidade dunha persoa como arma de ataque para desprestixiala, especialmente ás mulleres; ou utilizala como cebo para manter o interese. Outras veces queren “sacar” do armario a alguén. Será por resentimento?

Sigo co machismo. Analizan o comportamento das mulleres -nas relacións de parella, que é a especialidade da casa- de forma moi diferente ao dos homes. Normalmente as mulleres non saen moi favorecidas; son manipuladoras, están despeitadas… Será porque cren que se dirixen a machistas?

E remato coa violencia. Non me atrevería a cualificalo de apoloxía -nese caso presentaría unha denuncia- pero móvense nese fío. Segundo que persoa faga o comentario pode haber expresións do tipo “tienes horchata en las venas” ou “yo, que soy muy pasional, no comprendo tu actitud” cando alguén reaciona de forma pacífica ás provocacións. Será porque ser pacífico non é popular?

É un programa moi popular -por populista- e con moita audiencia.

Pero non se trata dun programa educativo, tampouco é obrigatorio velo e non parece probable que haxa razóns para “ilegalizalo”. Gustaríame que desaparecera da programación? si, pero que fose porque á xente non lle gustara este estilo de facer entretemento e deixara de velo.

Intentar eliminalo só vai servir para vitimizalo e reforzalo.