Abur 15M. Benvida a resignación, outra vez.

Non son persoa de extremos. O que me adoita pasar é o que reflicte Kiko Llaneras nesta publicación.

Captura de pantalla 2016-10-02 a las 14.56.27.png

Que hai moitísimas cousas que non me gustan pero tampouco creo que a solución sexa prohibilas.

Pois algo parecido ocorréme cos movementos asemblearios: por unha banda son moi participativos pero rematan sendo pouco operativos. Que me gustan pero non sei se para todo tipo de decisións.

As persoas que estivemos na universidade polos anos 70 sabemos das vantaxes e os inconvenientes das asembleas. É bastante fácil mobilizar a unha masa -xa predisposta- pero o complicado é xestionar as decisións que se toman; xs representantes non teñen capacidade de manobra para negociar, hai que volver á asemblea coas contrapropostas… e o proceso eternízase, remata por resolverse por si só -tipo Rajoy- ou por medación dunha autoridade -de calquera das dúas partes- como vemos moito ultimamente.

As que somos galegas tamén sabemos moito disto polo BNG (do que, por certo, saíron a maior parte das persoas con relevancia política de Galiza -agás Beiras que cando entrou xa era un político moi destacado) que vai a escisión por asemblea -é un dicir.

Cando apareceu o movemento 15M, ao contrario do que podía parecer, o beneficiado nas eleccións foi o PP. Despois apareceu Podemos definíndose coma fillo do movemento e o prexudicado foi o PSOE.

Pero confiaba en que algo podía mellorar a situación coa participación na política activa deste partido; que a democracia interna se iría estendendo; que o pluripartidismo favorecería o entendemento entre diferentes partidos, e polo tanto os acordos para gobernar…

Non foi así. A democracia interna segue sen funcionar. Nin sequera en Podemos, onde se tomaron decisións contrarias ás decisións das bases -Brais Fernández está a recordalas, a inclusión no partido instrumental En Marea…- Dos outros xa nin falo. E o entendemento entre forzas políticas máis ou menos afíns tampouco funcionou.

Pode que sexa o momento, algo decepcionante, pero non acabo de notar o cambio social que supuxo o 15M

Advertisements

Conspiranoia

Onte vin isto en Tuiter.

“Julia Otero: Enhorabuena, comisario Sánchez Manzano, por ese carpetazo definitivo de la justicia”

Esta teoría da conspiración, que tanto lle custou a este home, fíxome pensar noutra con moita menos repercusión persoal pero si democrática: o “pucherazo”.

Srs. e Sras. simpatizantes activxs de Podemos ou UP -non inclúo dirixentes porque supoño e espero que non compartirán esa teoría:

O sistema electoral favorece aos partidos maioritarios -foi deseñado así adrede- pero non especialmente a unha ideoloxía en particular. Nas anteriores eleccións a prexudicada foi IU e nestas C’s. Iso non a converte en boa, de acordo, pero tampouco en anti-Podemos. De feito UP con un millón de votos menos sacou os mesmos escanos.

O voto por correo funciona razonablemente ben, eu utilicei esa opción en moitas ocasións -con diferentes partidos no goberno- e nunca tiven problema ningún. Pode haber algún incidente? dende logo, o mesmo que no presencial -alguén pode non estar no censo, non se ocupou de comprobalo para que o corrixiran e non pode votar; non ten a documentación necesaria… Tamén na telemática podería haber unha caída de rede…

Pensar que xs empregadxs de correos e as persoas das xuntas electorais coñecen xs votantes -porque votantes do PP tamén haberá que voten por correo-, póñense de acordo e atrasan o envío dos votos da xente que vai votar a UP paréceme un pouco paranoico ademais de ofensivo para as persoas implicadas nesta “trama”.

Que se produza o “pucherazo” nunha mesa electoral -que digo nunha, teñen que ser moitas para que o resultado sexa significativo- tamén ten o seu aquel. Alguén ten que manipular o sorteo para que todos os compoñentes da mesa sexan anti-Podemos-UP, ademais de corruptos. E xa postos, que tamén un deles sexa un mentalista, hipnotizador ou algo así para que lles faga ver aos apoderados e interventores das candidaturas que o que está a acontecer é o legal. Igual de paranoico e ofensivo.

Dos residentes noutros países non vou comentar moito porque eu nisto nego a maior. Unha persoa debe votar no lugar no que está censada, paga os impostos e recibe os servizos como membro desa comunidade.

Por favor!!! Onde está -outra vez- a racionalidade?

Votar coas tripas

É un dos múltiples argumentos cando non se está de acordo cos resultados. Porque, coma sempre, os que votan coas tripas son os outros.

Eu manteño que a racionalidade non é unha das nosas principais virtudes, os políticos sábeno e utilízano.

Non hai máis que ver a “racionalidade” do argumento principal da campaña: Para o PP  foi -e é case sempre- o medo ao descoñecido; para o PSOE a “culpa” de Podemos no fracaso do Goberno do cambio; para Podemos “paz y amor”…

Da irracionalidade dxs votantes de dereitas fálase moito. Non tanto da dxs de esquerdas. Pero xs votantes de esquerdas tamén somos irracionais. Eu supoño, aínda que os analistas non falan moito diso, que moita xente de esquerdas votou ao PSOE pola antipatía que lle xerou Pablo Iglesias pola súa “prepotencia”; que moita xente de centro esquerda votou ao PP pola incertidume dun Goberno con Podemos; que moita xente de esquerdas non votou a Podemos por non ter acordado un Goberno con C’s e PSOE e outra moita non votou ao PSOE por non formar Goberno con Podemos e os nacionalistas -de esquerda e de dereita-… Pero ningunha razón relacionada directamente coas medidas que se tomarían en cada caso.

Parece que nin os analistas nin os dirixentes de Podemos saben por que perderon votos. Eu vou dar unha razón, que é a que fixo que perderan o meu: que nas anteriores me enganaron. En Galiza perderon sesenta e pico mil votos e un escano, que pouco me parece. E non sei por que lles pilla de sorpresa porque na asemblea de En Marea, do 15 de maio, a maioría das persoas que tomaron a palabra -fóra dos mitins inaugurais- e as representantes das mesas de traballo cuestionaron a fórmula da coalición. Dentro de En Marea hai bastantes persoas nacionalistas -aínda que pode que moitas non independentistas- que aspiramos a ter voz propia no Parlamento do estado. Ese fora un dos obxectivos de En Marea para as eleccións de decembro.

Estaba claro que dentro de En Marea había un ruxe-ruxe con ese tema. Pode que moitxs a votaran de todas formas -tamén na esquerda hai “fieis”. Está claro que sesenta e pico mil, non.

Mercadotecnia

Estamos nun punto no que a mercadotecnia é a nai de tódalas ciencias.

A mercadotecnia é, segundo a RAG “Conxunto de accións ou técnicas de estudo de mercado encamiñadas fundamentalmente a incrementar a demanda comercial.”. Está bastante claro cal é a finalidade pero non está tan clara a liña que separa a exaltación do produto do engano.

Eu quedei un pouco decepcionada cando oín que un técnico en mercadotecnia de Pescanova, militante do PSdG que colaboraba nunha campaña electoral, parece que dixo que a el tanto lle tiña vender “Rodolfo Langostino” coma PSOE. Eran outros tempos, cando pensabamos que a mercadotecnia só servía para enganar á xente e así facer que mercara cousas que non precisaba, productos máis caros “que se supoñía mellores”… e que os partidos non deberían recorrer a iso.

Pero… os tempos mudaron e agora calquera partido que se precie ten as súas persoas que se ocupan deste asunto.

Posiblemente sexa Podemos o que mellor o fai: estar continuamente nos medios; poñer a imaxe de Iglesias nas papeletas; utilizar a provocación para xenerar polémica -bebé no Congreso, pico con Domènech, casamenteira con Miguel Vila na tribuna, cal viva… Nesta segunda volta de campaña tamén hai golpes impactantes: formato do programa electoral, exaltación de Zapatero…

É que nisto non hai liñas vermellas? Que pasou co 135? Que eu xa sempre mantiven que foi máis unha cuestión de forma que de fondo, pero ata non hai nada unha das primeiras cousas que aparecía nas propostas de actuación de Podemos e confluencias era derogar ese artigo e aproveitaban para explicar todos os males que nos podía traer, e todo por culpa de Zapatero.

E sorpréndeme porque en Podemos hai moita base anticapitalista, pero non sei moi ben a que se refiren porque máis capitalista que a mercadotecnia non hai. Penso que sería a segunda característica -despois da propiedade privada dos medios de producción- do capitalismo.

Chamádeme antiga pero para min o fin non xustifica os medios. Entendo que por definición un partido ten lexítimo dereito a querer gañar as eleccións pero o de “teño uns principios pero se non lle gustan podo cambialos”…

E crédeme que o sinto. Ao primeiro gustábanme.

O discurso e a práctica

Dende sempre ocórreme algo curioso no paso do discurso teórico á practica na miña vida cotiá.

A miña educación foi convencional, baseada na moral cristiá… o normal nos anos 50-60. Xa na Universidade, polos 70, entrei en contacto cxs “progres” e coñecín outras formas de ver as relacións de parella, a familia… Ao principio foi un choque pero rematei pensando que efectivamente as relacións de parella e familiares convencionais eran moi desiguais e alienantes -especialmente para as mulleres.

Pero… sorpresa!!! Os mesmos homes que me axudaron a mudar a miña visión da vida trataban despois de convencerme para casar e ter fillxs. Casar polo civil, iso si, pero o da crianza coma sempre.

Neste momento estame a pasar coa Política. Sempre pensei que os partidos minoritarios tiñan que ter máis relevancia na toma de decisións -até estaría polo dereito de veto- que fixera que o goberno tivese que consensuar as leis. Apareceu a tendencia das maldades do bipartidismo e aínda que non concordo totalmente con isto -xa que co dereito de veto estarían resoltas- aceptei polbo coma animal de compaña. Cando xa o tiña aceptado resultou que os políticos non foron quen de intentar gobernar entre varios e agora temos que volver votar a ver se se consigue outra vez o bipartidismo. Antes eran PP e PSOE e agora parece que van ser PP e UP.

Cal é o cambio? Para min ningún. Que o PP teña que pactar con C’s para gobernar non vai mudar as políticas que se fagan -no caso da dereita- E que goberne Podemos en vez do PSOE -no caso da esquerda- tampouco. De feito os votantes son os mesmos e por iso se empeña Podemos agora en ser máis socialistas que Pablo Iglesias Posse (1850-1925).

E, outra vez, a única que segue a pensar que ter que poñerse de acordo entre varios grupos é bo, son eu.

 

A culpa e a mentira

Nótase o peso da cultura cristiá na nosa sociedade.

Hai dous aspectos que me chaman a atención pola consideración social e a repercusión na política segundo a relixión hexemónica: A mentira e a culpa.

Nas sociedades con relixión hexemónica protestante mentir -enganar- é unha falta moi grave. Dende a escola primaria copiar nun exame está moi mal visto socialmente -ademais de castigado academicamente. E na política non digamos. Dimítese por ter copiado na tese de doutoramento -non se considera “erro de xuventude”, coma aquí- ou por mentir á policía dicindo que conducía o coche outra persoa cando se cometeu unha infracción de tráfico.

Aquí mentir, coa súa variante verdade a medias -manipulada, somos especialistas nisto- é algo que non só se tolera senon que se xustifica -mentira piadosa. Iso si, chamar mentireirx a alguén considérase un insulto e serve para abroncar unha discusión “teatrillo” porque preferimos o “sangue quente” á racionalidade.

Pero o da culpa… iso si que me alucina. Eu penso que ten que ver coa cultura cristiá, co pecado.

No meu traballo como docente tiven que intervir na solución de conflictos de todo tipo. A primeira reacción do alumnado é formar un semicírculo ao teu redor balbordando de quen foi a culpa. Normalmente non hai unanimidade e a prioridade para eles é determinar ese aspecto. En moitas ocasións o prioritario é atallar as consecuencias do incidente. Por exemplo; se rompeu algo de vidro na clase o prioritario é que se alonxen do lugar e retirar os anacos para que non haxa feridxs,  pero non, empéñanse en aclarar quen foi o culpable para que sexa el o que recolla os anacos de vidro e reciba o castigo correspondente, aínda que fose un accidente.

Pois os adultos igual, ahora resulta que o importante é saber se a culpa de ter que repetir as eleccións é do PSOE ou de Podemos. Obviamente iso é imposible de determinar dunha forma obxectiva porque a culpa é o que ten: gústalle estar en todas partes.

O problema segue aí e moito me temo que seguirá despois destas eleccións porque parece que con sorpaso ou sen el os protagonistas “da culpa” van ser os mesmos. Pero iso non importa. O importante é de quen é a culpa.

Que crusss!!!

Hoxe Iñaki Gabilondo fala de Lo que va a pasar , no seu videoblog. Fai un pronóstico para despois destas eleccións que case concorda cun que fixen eu en tuiter ao día seguinte das anteriores, a diferencia está no apoio expreso ou a abstención de C’s pero non no resultado final.Captura de pantalla 2016-05-30 a las 11.31.47.png

Como ao remate isto sexa así vaime xurdir a dúbida de que eu son unha “fenómena” da análise política ou que os que si son analistas da política andan a xogar connosco. E aínda que a min me gusta a política e sígoa bastante de cerca, máis ben me inclino polo segundo.

Eu sabía, dende o momento que Pablo Iglesias dixo que lles faltara unha semana e dous debates de campaña para poñerse por diante do PSOE, que Podemos non apoiaría ao PSOE e tamén supoño que con sorpaso ou sen el non se apoirán un ao outro a partir do 26j.

Non penso que algún dos dous teña máis responsabilidade que o outro -falo dos partidos. Dende o punto de vista partidario non lles convén e os dous teñen razóns lexítimas para actuar desta maneira.

A militancia máis entregada está convencida de que “o malo”, o que se move por intereses partidistas, é o outro. Pero unha parte da cidadanía sen militancia política -que é o meu caso- non tragamos esa roda de muíño.

Señores da vella e da nova forma de facer política -especialmente os da nova- menos debater e máis actuar.