Personalismos

As persoas “Progres” -que vou definir para a xente máis nova coma as persoas que empezamos a ter algunha actividade política a partir de maio do 68- considerabamos que a actividade política tiña que ter coma obxectivo prioritari o benestar Común, fronte ao individual.

Fuxiamos dos individualismos. Basicamente por dúas razóns; unha polo que acabo de dicir, era un momento no que o Común era prioritario, e outra porque a clandestinidade dos partidos políticos exisía o anonimato das persoas que o presidían. Chegaba ao punto que as persoas dirixentes eran coñecidas por alcumes; A Pasionaria, Isidoro -Felipe González-… Polo tanto falabase do PC, ERGA, MC, PT, PSOE… e case ninguén sabía o nome dos seus dirixentes.

O personalismo estaba “mal visto” ata tal punto que  xs colaboradores dun xefe, sendo todxs amigos “de toda a vida” chamabanse polo cargo -ministro, por exemplo- no canto do seu nome de pía, aínda que logo se atuáran, cando estaban traballando. Cando alguén se atribuía unha potestade que non era súa senón do seu cargo -un Gil y Gil, por exemplo- era moi sorprendente e considerábase que esa persoa era ególata, vaidosa, cacique… nada bo.

E non só na política, os equipos de futbol tamén se nomeaban polo seu nome, diciamos o Barça, o Madrid… e non os de…-nome do adestrador.

Agora chegamos ao punto no que o normal é dicir que lle pagamos a Montoro; que en campaña se diga EU vou facer isto ou estoutro e fulanitx -nome de líder- vai facer…”; que Garzón da a Podemos un plazo…;que Zidane perdeu contra o xxx…

Algunhas veces cóstame traballo entender algún titular de prensa, estes, por exemplo

Nueve años después de que Feijóo prometiese pagar el AVE a Lugo,…  Feijóo ve responsables de…  En serio? Feijóo vai pagar algo? e, quen atopa responsables de… O Presidente da Xunta ou Feijóo?

Vivimos en Instagram?

Presidencialismo

A cultura política da cidadanía española é escasa. Ao principio xustificábase pola xuventude da democracia. Tiñamos que aprender moito sobre o funcionamento do sistema democrático e ía levar tempo.

E vaia que si… leva tempo, pero non tanto porque nos coste traballo aprender, que tamén, senón porque dende a política e dende os medios parece que se fai o posible para confundirnos.

Para empezar chamámoslle presidente ao xefe do goberno, esto xa confunde. En moitos países -que teñen como forma de estado a República, pero non só- chámanlle primeiro ministro, o nome Presidente resérvase para o xefe do estado. Ex. No Reino Unido a xefa do estado é a Raíña e o xefe do goberno (primeiro ministro), Cameron. En Francia o xefe do estado (presidente da república) é Hollande e o xefe do goberno (Primeiro ministro), Valls.

Polo tanto, nos países que teñen como forma de estado a República hai eleccións á presidencia da república, para elixir a xefatura do estado, e eleccións lexislativas para elixir xs representantes da cidadanía nos parlamentos.

As eleccións xerais en España son unicamente lexislativas -o xefe do estado xa vén de serie-, pero non o parecen. Os partidos -polo procedemento que sexa- deciden quen é “candidato a presidencia” e aí empeza a campaña de lanzamento dese candidato coma se o fosemos elixir directamente. O argumento é o seguinte: esa persoa é a que propón o partido para a presidencia do goberno, logo se gana o partido el será o presidente. A maioría da xente cre que está votando a esa persoa -ata nas municipais-, non xs candidatxs da súa circunscripción.

A ver… cos nosos votos eliximos as persoas que compoñen o Parlamento e alí deciden quen vai presidir o goberno.

Ata agora, co bipartidismo, coincidía. O candidato do partido que gañaba as eleccións era o presidente do goberno. Pero isto non fixo máis que afianzar o erro, a cidadanía cre que ese proceso é automático. Pero en esencia non o é.

Agora, coa nova situación de pactos e alianzas, pode ocorrer que goberne un partido cun presidente do goberno que non era o candidato -porque non foi aceptado polos partidos que o apoian.

Resúltame chocante que ao mesmo tempo que nos están dicindo que estamos nunha nova era, cunha nova forma de facer política na que o importante é a colaboración, o consenso… saian os candidatos coas súas mellores galas e o mellor dos seus sorrisos para convencernos de que eles serán a salvación -Estou pensando en Iglesias e Sánchez.

Parece que as eleccións van ser presidenciais, non lexislativas.

Non me gustan as campañas baseadas nunha persoa, son máis fan dos equipos.