Brecha dixital

Penso que nesto da fenda dixital das persoas maiores hai moito paternalismo e interese económico, coma en case tódolos aspectos que concirnen á xente maior.

Son unha persoa maior moi independente.

Empecei a utilizar ordenadores cando aínda non tiñan rato, si, coas teclas de función. De Internet xa non digamos. Logo viñeron os ratos e tiven que adaptarme. É moito máis fácil, dician os informáticos. Pero non nos enganemos; o máis sinxelo é o que xa se sabe. Aprendín. Tamén apareceron as redes internas que só servían para mandar documentos entre departamentos da mesma empresa ou entidade… Tamén aprendín. Coa Internet global o mesmo.

Foise desenvolvendo o uso en liña; aparecen páxinas web, aplicacións… para facer compras e xestións administrativas… Tamén aprendín a utilizalas.

Ata aquí todo normal.

Pero logo chegaron as melloras. Para que o procedemento fose máis sinxelo, máis seguro… Informáticos e empresas non paran de facer innovacións de forma que o que antes facías dunha maneira agora é de outra. Para que ata unha crianza de tres anos saiba facelo.

Aquí vou facer unha paréntese; as criaturas de tres anos non son máis listas do que era eu a esa idade porque saiban utilizar unha tableta ou un teléfono -eu non o facía basicamente porque aínda non existían-, é que están pensadas e deseñadas para que o fagan.

Ben, continúo. Pois con tantas “melloras” chega un momento no que xa aprendín a facer a mesma cousa de tantas maneiras -recordemos que son maior- que nas tarefas que non son cotiás xa non me da a gana de aprender máis, porque é moi probable que a próxima vez que teña que facelo xa sexa diferente. E xa prefiro que alguén a faga por min. Pero non porque non poida facela eu senón porque non teño ganas de pelearme coa aplicación; que se toquei na icona do lado, que se se colga, que se nese momento non vai porque está sobrecargada…

Son unha analfabeta dixital? Penso que non.

Que hai moitas cousas que prefiro facer en persoa? Si, especialmente mercar.

E digo eu… A atención personalizada non debera ser un servizo só para persoas maiores coa excusa de que non sabemos utilizar a tecnoloxía.

Eu sei utilizar as cabinas de “pago fácil” -vaia ironía- das autoestradas ou as caixas de autopago dos supermercados pero non o fago por varias razóns diferentes ao descoñecemento.

Querida mocidade:

É difícil que nos entendades, vós non fostes maiores. Pero non só se aprende da experiencia. Aquí vou abrir unha parénteses para dicir que estou bastante farta de escoitar como se descalifica a xente por non ter vivida unha experiencia determinada para poder opinar: “e que tí non eres nai…”, “e que ti non traballaches na privada…” Non vou afondar moito nisto, porque non é o miolo, pero se iso fose así, que tiñan que facer a xente que traballa na saúde? terían que pasar todas as enfermidades para coñecelas?

Ao que vou, quero falar das persoas maiores. Motivoume unha publicación nas redes, -dun tal Juan Leyva, que non coñezo- que di:

En el 68 fueron los estudiantes / en el 2018 los jubilados, / es decir, los mismos.

Pois si, mocidade, os maiores non nacemos así, tivemos infancia, mocidade, idade adulta… e agora chegamos á xubilación.

E aínda que hai características propias de cada período existencial, o momento histórico ten moita relevancia especialmente en momentos críticos.

As persoas que eran maiores nos anos 60 – 70 (meus avós e miñas avoas) non se parecian a nós, maiores de agora. Elas viviron unha guerra e o índice de analfabetismo era moi elevado porque aínda que o Goberno de Azaña puxo en práctica medidas para erradicar o analfabetismo e elevar o nivel cultural da maioría da poboación -as misións pedagóxicas, ligadas a Institución Libre de Enseñanza- o golpe de estado desbaratou ese proxecto. A xeneración intermedia (os vosos avós e as vosas avoas) non viviron directamente a guerra, pero si a postguerra e o principio do desarrollismo.

Polo tanto cando chegou a transición os máis maiores temían outra guerra civil, os do medio temían retroceder nos “avances” económicos conseguidos e a mocidade debatiamos que se reforma ou ruptura. Ao remate foi reforma, pero non pensedes que a todxs nos parecía a mellor opción. A totalidade da mocidade non votamos SI nin a Constitución nin á OTAN… Pero a maioría, co tempo, acabamos aceptando o cambio e colaborando  no desenvolvemento de moitas medidas tomadas polos gobernos socialistas -de Educación, Sanidade…

E teño que dicirvos, con bastante desencanto, que me parece que o que nós fixemos por mellorar a sociedade foi moito máis do que estades a facer vós polo de agora. Que non foi bastante? Seguro, a nós tampouco nos parecía perfecto, pero fomos quen de traballar para conseguir algo imperfecto moito mellor que o que tiñamos. E tamán ten o seu mérito.

Polo tanto vou ter a ousadía de pedirvos que fagades o mesmo. Non vos queixedes tanto do mal que fixemos a transición -penso que fixemos case todo o que puidemos- e dade o seguinte salto real. Tamén me atrevo a recomendarvos que contedes con nós, aínda que non volo pareza somos máis de fíar que a poboación adolescente, que non sabe aínda o que quere.