Os vestidos

A que se lía cada ano, co gallo das campanadas, co tema do vestiario feminino.

Dixen e escribín moitas veces o que penso ao respecto dos convencionalismos da estética feminina: pelo longo, zapatos con tacóns imposibles, vestimenta coa que resulta case imposible respirar, depilación, maquillaxe… en fin… un lote de cousas moi incómodas pero coas que os homes parece nos ven moito máis atractivas ?? E nós, por sentirnos admiradas… pois a sufrir. Xa sei que algunha desas cousas tamén a empezaron a facer os homes. Se o da igualdade vai por aí… pois que ben.

Aclarado o meu posicionamento no tema vestiario. Hai moitíiiisimas ocasións nas que as mulleres -especialmente as que teñen repercusión pública e/ou mediática- se prestan a estas escenificacións. Entregas de premios cinematográficos, musicais… Mesmo mulleres pouco sospeitosas de machistas poñen o disfraz correspondente para a alfombra vermella -ou de calquera cor- de turno. Locen vestidos que moitas veces non son seus, son prestados por casas de moda. A desculpa é que hai que promocionar a industria da moda que move moitos cartos e xera moitos postos de traballo. Nesas ocasións non se forma tanto alboroto nas redes sociais, seguramente porque esas mulleres son máis “poderosas” que as que presentan as campanadas.

Moitas desas mulleres -Madonna, Lady Gaga…- locen vestimenta que non ten nada que envexarlle á de Pedroche.

E xa que estamos na espiral capitalista, moito peor me parece defender o mantemento da industria armamentística porque o peche implicaría a desaparición de moitos postos de traballo. Disto si que non vexo eu nada nas redes. Pero esa é outra historia.

E digo eu… se nos imos pór quisquillosas, por qué non “xulgamos” pola maneira de vivir, de actuar na vida real? ou é que o real é o que sae pola tele?

Pedroche – Barbijaputa

Empezo dicindo que non coñezo ben a ningunha das dúas.

A Cristina Pedroche véxoa no programa Zapeando, no que interpreta un guión que non escribe ela. Por ser un personaxe popular tamén se coñecen algunhas circunstancias da súa vida persoal: fai deporte; casou na súa casa; dixo que non lle parecía que estivese gorda cando a “acusaron” de selo e que non era anoréxica cando tamén se dixo iso, que votaba a IU, que viste o que lle da a gana sen “presións”… Persoalmente paréceme algo “sensibleira” pero, tendo en conta a súa idade tampouco me parece esaxerada…

A Barbijaputa coñézoa algo polo que escribe, baixo un pseudónimo, por certo -nun xornal dixital e nas redes sociais. Moitas veces concordo co seu discurso pero non sei nada de cal é o seu comportamento na vida cotiá. Hai pouco lin un artigo na revista Pikara Magazine El feminista machista, no que Lluiso Farnsworth ven dicir, máis ou menos, que hai moitos homes que se declaran feministas e que teñen un discurso feminista pero que o seu comportamento cotiá é machista, actuando coma acosadores nunha pista de baile, por exemplo. Desafortunadamente tamén hai mulleres dese estilo; teñen un discurso feminista, van as manifestacións reivindicar a erradicación do machismo… e nas súas casas, coa súa parella e coa súa crianza teñen comportamentos que reforzan o patriarcado.

Por iso non acabo de entender moi ben a Carta abierta a Cristina Pedroche, de Barbijaputa no Diario.es. Carta que a min paréceme un pouco paternalista, teño que dicir. Que si que o entendo se o obxectivo é utilizar a popularidade de Pedroche para crear polémica e aumentar as entradas e comentarios dos seus artigos e coma consecuencia a súa popularidade.

O comentario de Pedroche “que nos olvidemos del machismo y del feminismo…” -que motivou a carta- parece que é a resposta a unha pregunta que contesta a nivel individual, ela nunca dixo representar a ninguén e que posiblemente se refería a que ela xa o ten superado. Existe a posibilidade de que ela actúe coma non machista aínda que logo non teña o discurso teórico moi elaborado.

As veces as feministas teóricas malinterpretan ás feministas prácticas. A min puxéronme podre -nunha rede social- por dicir que hai que educar tamén ás mulleres para que non teñan nin acepten comportamentos machistas. Ao parecer “iso sería un castigo adicional”.