Viraventos

Pero que clase de papafilloas somos?

Xa non sei se estamos idiotas, se as enquisas non teñen rigor ou as dúas cousas, que será o máis probable.

Non sei se eu estou idiota pero síntome algo así. Os novos dirixentes políticos levan dende as europeas destacando os erros dos partidos hexemónicos até o de agora e os inconvenientes do bipartidismo. Eu estaba, en parte, de acordo (xa comentei en algún momento que as democracias máis consolidadas aséntanse na existencia de tres ou catro partidos dos que dous son os que gobernan alternativamente, sós ou xunto con un dos minoritarios).

Hai que acabar co bipartidismo, hai que ir á cultura do diálogo, dos pactos… A cidadanía fíxolles caso e xa temos catro partidos “fortes”. Ben, primeiro obxectivo conseguido pero, e a cultura do diálogo e dos pactos? Ao día seguinte das eleccións non se oía falar doutra cousa que non fose “liñas vermellas”, “incompatibilidades”… Parece que vai ser certo o dito “ten coidado co que desexas porque pódese cumprir”. E empezaron, outra vez, as enquisas.

Nas primeiras parece que a cousa andaba por: Suben PP e Podemos e baixan PSOE e C’s. Pero agora -acabo de ler unha- parece que a situación é a contraria: suben PSOE e C’s e baixan Podemos e PP. E todo isto en menos de dous meses. Non digamos nos catro anos que debe durar unha lexislatura.

Que é o que nos fai mudar de opinión con tanta facilidade? Os medios de comunicación? Porque non pode ser que os partidos cambien con tanta rapidez. As súas estructuras son bastante “pesadas” para que se movan tan facilmente.

En calquera caso os movementos na intención de voto tampouco serían tan relevantes coma para mudar o panorama, a situación sería moi similar á actual.

Pero non me deixa de sorprender a facilidade coa que mudamos de opinión en algo tan importante como é elixir a quen queremos que nos goberne.

Advertisements