Non sei cál é o termo que utilizan xs animalistas para definir aos animais que viven coas persoas; animais domésticos, mascotas… En calquera caso parece que a idea de compañía está sempre presente.
Persoalmente non teño moito interese en vivir en compaña nin de animais nin de persoas, pero as persoas alomenos teñen, polo xeral, a capacidade de decidir se queren vivir comigo e os animais non.
Cando os animais viven na natureza, sen intervención humana, as leis polas que se rexen non sempre se corresponden coas “humanas”. Sobreviven alimentándose de vexetais -que tamén son seres vivos- ou doutros animais. Cando o equilibrio alimentador-alimentado se descompensa… simplemente extínguese por inanición -dinosaurios.
Cando os humanos decidiron domesticar aos animais non foi precisamente por altruísmo, foi un intercambio de servizos: ti axúdasme co teu traballo e eu aliméntote. Na actualidade a cousa mudou un pouco: ti fasme compañía, dasme cariño, fasme sentir segurx… e eu aliméntote e coidote. Ben… independentemente do detalle que o animal non decide este acordo, pode ser unha relación “equitativa”.
Pero decidimos dar un paso máis no empeño de “dignificar” e agora tamén intervimos na vida dos animais que viven autonomamente. Alimentámolos, esterilizamolos -a superpoboación pode ser insalubre-, tratamos de colocalos en fogares…
Unha vez escoitei unha científica dicir que a Natureza acostuma a restablecer os desequilibrios de forma natural, pero nós preferimos controlar a Natureza no canto de fiarnos dela.
Tamén escoitei outra persoa que mantén que a cualidade que diferencia aos humanos dos non humanos é a estupidez: Os non humanos viven en harmonía coa natureza, aproveitando as posibilidades que ésta lles dá, e os humanos adícanse a loitar contra ela e considérase vencela coma un logro importante (desviar o leito dun río, roubar espazo aos mares…)
E digo eu…
Quen decide cáles son os dereitos dos animáis?
En que consiste realmente defender aos animáis? A intervención humana en animais libres é defendelos?
Ter animais nun zoo non é similar a telos na casa?
Canto máis escoito sobre o tema nas redes, menos claro o teño