Conflito social

O conflito -ou a alarma- social tamén ven ser utilizado como a cada quen le pareza. No caso do Nacionalismo utilizouse coma argumento para “erradicar” aos nacionalistas porque xera división e conflito, mesmo nas familias. Coma se eliminar aos nacionalistas fose resolver a situación.

E digo eu… non será que levamos o de xerar conflitos no ADN? Porque agora mesmo o conflito mudou do nacionalismo á máscara. Volvémonos todxs integristas e coma no nacionalismo agora queremos acabar co COVID eliminando as persoas que, polo que sexa, deciden poñer a máscara só cando é necesario e segundo a normativa actual. A normativa actual, a unha parte da poboación parécelle a correcta e por iso a segue, a outra parécelle insuficiente e pide que sexa máis estrita e que haxa que levar a máscara posta sempre, e outra parte pasa de todo.

Eu pertenzo ao primeiro grupo e moitas veces, os do segundo, parece que me queren responsabilizar dos brotes.

Polo que sabemos ata o de agora non houbo ningún brote que se producira porque dúas persoas sen máscara se cruzaron pola beirarúa. De feito cando se rastrexa posibles contaxiados pídese á persoa enferma a relación de persoas coas que se tivo contacto 15 minutos ou máis.

Xa sei que o que non se sabe hoxe pode saberse mañán, por iso se toman medidas de precaución para a poboación xeral. Pero eu penso, e as autoridades sanitarias parece que tamén, que agora mesmo o máis importante é o rastrexo para illar as asintomáticas e con síntomas leves.

O 100% de seguridade non existe neste caso -practicamente en ningún que non sexa un experimento científico.

Por iso penso que debemos buscar un equilibrio entre seguridade total e levar unha vida razoablemente normal.

Eu estou Tratando de conseguilo e para iso unha das cousas que fago é confiar no persoal sanitario, confiar en que a maioría das persoas son “normais” e a partir deste momento deixar de ler tódalas opinións que aparecen mas redes que non veñan dun organismo oficial sanitario.

Comportamentos irresponsables

Acabo de ver un artigo publicado onte no eldiario.es “Miles de mascarillas en el mar”. Nono lin polo miúdo para non porme de moi mala baba porque co titular xa me chega.

Penso que temos que saír deste círculo vicioso: Coma somos unha sociedade irresponsable hai que impor moitas normas para que nos comportemos de forma responsable; pero como somos irresponsables responsabilizamos axs que nos impoñen as normas do noso comportamento.

Vou desenvolver un pouco esto que digo. Como as autoridades non nos din exactamente o que temos que facer coas máscaras pois nós guindámolas en calquera sitio e a “culpa” non é nosa porque non nos informaron ben.

Xa vivimos isto mesmo co plástico en xeral. Considerouse que o problema estaba no exceso de utilización -que tamén- e polo tanto a solución é deixar de fabricalo e utilizalo; é dicir, quedan exonerados os usuarios finais que son os que o reciclan ou o tiran en calquera sitio (si ya sabes como me pongo, pa que me invitas?). A solución pasa porque xs irresponsables non teñan a posibilidade de cometer falcatruadas no canto de educar para que non se cometan aínda que se poida.

Tiven, pola miña profesión, trato moi directo con adolescentes e asegúrovos que vivo nun constante déjà vu. A relación entre a cidadanía e a clase gobernante éche a mesmiña que entre os adolescentes e os adultos.

E digo eu se non sería hora de ir rompendo este círculo vicioso e que nos foran dando responsabilidades para que as vaiamos asumindo -coma se fai coa crianza.

Eu xa vou estando algo farta de que me traten como unha infante -as mulleres temos ás costas moitos anos disto- coa excusa de que hai moitos irresponsables.

Claro que ao ver as queixas dos medios e dos políticos porque as normas non son suficientemente concretas por un lado e que non hai suficiente autonomía polo outro, a miña esperanza de vivir nunha sociedade madura e cunha democracia altamente consolidada non é moi alta.