Os non orgasmos

Xa na Universidade empecei a miña vida sexualmente adulta. Eran os anos 70 e a liberación sexual feminina xa chegara á universidade. Non ao resto da sociedade, pero alí si. Destaco feminina porque nese momento supúñase que os homes xa estaban liberados.

Para as mulleres era “progre” ter relacións sexuais –para os homes o único que cambiou é que agora tiñan máis posibilidades con máis persoas, polo demais, coma sempre. O tema dos anticonceptivos non estaba aínda resolto pero funcionaba unha especie de “mercado negro” de receitas: algúns médicos progres receitaban anticonceptivos para “regularizar o ciclo menstrual”.

Na miña facultade, que era a máis progre, dábase por suposto que todas nos deitabamos con alguén de forma regular ou esporádica. Isto a min quitoume moita presión porque eu era aínda fisicamente virxe, pero só para min.

Quitoume presión socialmente, pero non intimamente. A liberación sexual non mudou moito na maneira de considerar as “relacións sexuais completas”, completas quería dicir con penetración e a min a idea de “cortar” unha situación placenteira por unha penetración dolorosa non me facía moita graza. En máis dunha ocasión pensei que o mellor sería rematar con ese asunto cunha intervención cirúrxica –hoxe faise a contraria; restauración do hime. Non comentei moito este pensamento, e as pouquiñas veces que o fixen o comentario era que si estaba tola.

Mentres aprendín a finxir o non orgasmo, si, finxía que non o tiña.

Non tiñamos moita intimidade. Xs estudantes viñamos doutros pobos ou cidades e viviamos en residencias, colexios maiores, pensións, con familiares… especialmente nos primeiros anos. Nos últimos cursos xa se vivía en pisos compartidos. Non había espazos para as relacións sexuais. Había pubs, cafeterías e discotecas especializadas en parellas. Con pouca luz e facendo a vista gorda.  Ou o salón da pensión se non estaba a patroa. Nestes lugares as relacións eran só de magreo, obviamente. Tamén estaba a opción do coche no fondo do campus, se tiñas coche. Aquí xa adoitaban ser máis completas. Pero para a primeira penetración…

Así que, cun pouco de mala conciencia -pola unilateralidade- e nos espazos mencionados- tiña orgasmos con toda a discreción da que era capaz.