O que importa

Até o de agora non escribín sobre os pactos de investidura porque estou un pouco farta destas situacións nas que me parece que todo o mundo esquence o que para min é o fundamental. Iñaki Gabilondo, no artigo do seu videoblog La madre de nuestro cordero, do xoves pasado, reflexiona sobre a importancia que lle damos, analizando dende todos os puntos de vista posibles e imposibles, ao que se xogan os candidatos e os partidos aos que representan -nestes intentos de investidura- e, pola contra, o pouco que analizamos o que nos xogamos a cidadanía.

Eu -cando teño que tomar unha decisión- trato de diferenciar o principal do secundario e dentro do principal, proirizar. É imposible chegar a unha solución que contemple todos os elementos implicados no problema.

Pois no caso destas eleccións o primeiro para min é levar ao PP a oposición. Pero non porque gobernasen mal nin porque pense que ese partido teña que desaparecer. Ten que ir a oposición a rexenerarse.

No poder non se rexenera ninguén. Xa lle pasou ao PSOE que debería ter ido á oposición no 93, a cidadanía doulle outra oportunidade pero as cousas estaban demasiado enfangadas e xa o 96 foi o definitivo. Tres anos perdidos, penso eu. Tamén penso que foi bo para o PSOE ir a oposición. Con isto non quero dicir que agora non haxa no PSOE as súas cousas pero nos comportamentos sociais a excelencia non existe. Temos que convivir cun certo grao de inseguridade, inxustiza, deshonra… coa imperfección, vaia.

O PP ten que estar aí, hai moita xente de dereitas e ten que ter un partido que a represente, pero un partido honrado, coma a maioría da base que o substenta. A mesma cúpula do partido estao a dicir tódolos días, a maioría é decente. O problema é que a minoría non decente é a que está a controlar o partido. Desmantelar esa estructura mantendo o poder non é posible porque interfiren moitos intereses.

Por iso para min o fundamental neste caso é a rexeneración do PP. Sería bo para toda a sociedade. E a rexeneración pasa pola oposición, así, sen máis voltas. Todo o demais virá por riba, que dicía nalgún sitio.

Pero… só digo eu…

 

Advertisements