Sociedade da información?

Estamos na sociedade da información? Intentan convencernos de que si, que as redes sociais fan que saibamos ao momento o que está a acontecer en calquera parte do mundo. E é certo. Pero todo ten unha cara B e ao mesmo tempo estamos tamén na sociedade da manipulación.

As persoas que vivimos na dictadura e na transición estamos afeitas a poñer filtros segundo o medio do que procede a información. Liamos El País e o ABC -por exemplo- e compoñiamos unha terceira información bastante real. Eu sígoo facendo, leo os xornais dixitais; eldiario.es, infoLibre, Público… e logo vexo o telexornal de TVE1.

Non sei que fará agora a xente máis nova, a que sempre viviu nunha sociedade con liberdade de expresión -limitada, coma case todas as liberdades.

Todo isto vén a conto da falsa noticia -con documentación falsa incluída- da transcripción da declaración de Forcadell no Supremo. Liouse parda, Forcadell pasou de heroína a vilá nun plis-plas co custo persoal e político que iso supón… Pero non importa, parece que no salario dxs políticxs vai incluído todo tipo de accións; insultos, “escraches”, difamación…

Produciume un certo alivio Jordi Évole. É unha persoa nova pero, supoño que por traballar nun medio de comunicación, ten certa mesura nas análises que fai. Non toda a xente ten a mesma formación.

Hai uns días estivo en El Intermedio, ía por outra cousa -presentar o seu programa- pero como a noticia acababa de saír pregúntaronlle a súa opinión, e respondeu que non quería opinar sobre iso ata que tivese contrastada a información sobre as declaracións de Forcadell. Pensaba que podían estar terxiversadas. E acertou. Non estaban terxiversadas, directamente eran falsas.

Porque, segundo eu o vexo, canso se xulga a alguén tamén hai que ter en conta a traxectoria desa persoa ao longo da súa carreira e conceder o beneficio da dúbida antes de dar pábulo a calquera cousa que se escoite. Pero hoxe ten máis valor a rapidez e o sensacionalismo que a verdade.

Hai un tempo considerábase “o creto”, a fiabilidade de cadaquen. Hoxe parece non importar moito. Podes ter unha traxectoria impecable toda a túa vida que desaparece nun momento ante unha publicación falsa. Non nos paramos a analizar a lóxica, porque case sempre as noticias falsas son moi ilóxicas.

O importante non é ter moita información, o que importa é saber interpretala.

Srs. guionistas de informativos:

Segundo un informativo de hoxe ao mediodía, Podemos vai tentar de formar catro grupos parlamentarios para así ter máis voces e máis dotación orzamentaria.

Noon, nooon, noooon. Vóuvolo explicar. Vou ter que ir ao Libro Gordo de Petete ou pedir axuda a Epi e Blas -que queredes, cada unha ten os referentes que ten.

O que vós chamades Podemos, en realidade son catro formacións electorais: Podemos, de ámbito estatal; En comú podem, que se presentou nas circunscripcións electorais de Cataluña; Compromís-Podemos-És el moment, que se presentou nas circunscripcións electorais da Comunitat Valenciana e En Marea, que se presentou nas circunscripcións electorais de Galiza.

As tres coalicións electorais que identificades con Podemos están formadas por varios partidos -nos que tamén está Podemos- e plataformas cidadás. E para que poidades valorar o peso de Podemos vouvos dar uns datos: o número de diputadxs de Podemos en cada unha destas formacións.

En comú podem ten 12, dxs que son de Podemos 2.

Compromís-Podemos-És el moment ten 9, dxs que son de Podemos 3.

En Marea ten 6, dxs que son de Podemos 2.

É dicir, que dun total de 27, ten 7.

Unha das condicións que lle puxeron a Podemos as tres coalicións foi a de formar grupo parlamentario propio se os resultados e o regulamento do congreso o permitían. Porque, que o saibades, a intención de Podemos era que todos fosen “baixo o seu paraugas”. E, que saibades tamén que se se forma o grupo, este será o que reciba e administre a dotación presupostaria. Polo tanto, que se formen 4 grupos parlamentarios non é cousa de Podemos senón das outra forzas. Se iso lle beneficia a Podemos ou non é algo que vós deducides -e que eu non teño tan claro- pero en calquera caso sería de rebote, non pola súa intención -é máis doado dirixir un grupo que catro.

Electoralmente é certo que estas formacións beneficiáronse do “efecto Podemos” pero tamén que recibiron, grazas ás outras forzas, moitos votos nacionalistas -por iso o do grupo propio- que Podemos non recibiría indo só. Que se beneficiaron mutuamente, vaia. Pablo Iglesias sabíao, por iso aceptou as condicións que lle puxeron.

E queixámonos de que a xente non se entera? De que hai pouca cultura política? Con estas (des)informacións non me sorprende.