Infancia

A miña infancia trancorreu na dicta-dura –voulle chamar así á primeira parte da dictadura- na que todo estaba mesturado. A moral cristiá, a civil e as leis eran a mesma cousa. O que era pecado era socialmente reprobable e tamén ilegal.

Isto era aplicable, loxicamente ao sexo. Calquera manifestación pública minimamente relacionada coa sexualidade, coma bicarse, era obxecto de recriminación “in situ” e ata de denuncia por escándalo público. Estou a falar de comportamentos de persoas heterosexuais, os homosexuais “non existían”. Eu, ata ben entrada na adolescencia, non sabía que esa posibilidade existira.

A vida dxs nenxs transcorría en “perfecta harmonía”; as nenas liamos tebeos –chamábase así aos cómics- de fadas e os nenos El Capitán Trueno ou Hazañas Bélicas. O curioso é que pese a que todo estaba perfectamente organizado, ler tebeos non estaba moi ben visto. Pode que fora porque “enchían a cabeza de paxaros”. Algo que aínda agora non entendo porque os paxaros colaboraban moito coa definición do masculino e o feminino da época. Pode que fora porque evadían da realidade. Non sei…

Pero todo isto non o percebíamos xs nenxs, na vida cotiá comportabamonos -especialmente nos pobos pequenos- dunha forma bastante libre. Xogabamos aos médicos, que era unha forma asexuada de satisfacer a curiosidade polo coñecemento do corpo, na escola aparecíanche mozos que ti non sabías que eran mozos teus… Ben mirado non era moi diferente da actualidade.