Manipulación

Hai máis ou menos un mes El País publicou esta viñeta de El Roto. Compartina nas redes porque me pareceu moi adecuada, coma sempre.

Sin título.png

Recoñezo que estou moi susceptible co da manipulación porque case todos os fenómenos sociais son tamén individuais e viceversa. As persoas que se dedican á política tentan manipular a sociedade pero as persoas que compoñemos a sociedade tamén intentamos manipularnos unhas ás outras.

En máis dunha ocasión manifestei a miña opinión sobre a correspondencia entre os hábitos das persoas que compoñen unha sociedade cos das que se dedican á política -que tamén son persoas desa sociedade. É máis doado que defraude a facenda un cidadán mediterráneo ca un do centro ou norte de Europa.

Pois ao que ía, a manipulación. O que está a pasar ultimamente cos medios de comunicación prodúceme unha certa carraxe. E xa non é polos medios “casposos”, aos que procuro evitar pola miña saúde mental, senon polos que consideraba independentes.

Refírome a todo este ruído de “corruptelas morais” que apareceron recentemente. Por exemplo un dos últimos, o caso da ministra Delgado. Primeiro aparece unha noticia falsa sobre unha cita profesional entre Delgado e Villarejo para interceder en favor do empresario Ángel Pérez-Maura. A ministra, e outos medios, desmentiron esta información. Neste contexto, Delgado dixo que non tivera ningún tipo de relación profesional con Villarejo. Pero coma os medios xa coñecían as gravacións insistiron ata que dixo que non tiña relación algunha. Logo apareceron as gravacións e acusaron á ministra de mentir, de mentir a toda a sociedade -porque parece que son xs xornalistas, e non o Parlamento, os representantes da sociedade.

Non é esto manipulación?

E, de seguido foise a suliñar a inmoralidade da ministra por relacionarse persoalmente con xente coma Villarejo… Isto xa é casquería pura.

Deixade de manipular a indignación porque comigo xa conseguistes que me indigne con varios medios que até o de agora consideraba independentes e que empezo a ver coma dependentes da “audiencia” que só busca encauzar a crispación coa falta de respecto, o insulto…

Argumentarios

Non sei se a indiganción que nos pedía Hessel era exactamente o que literalmente significa “Enfado moi violento acompañado dunha forte reacción agresiva.” A min as palabras agresivo, violento… e calquera sinónima ou derivada danme “cousiña”.

Estamos indignados o que nos leva á crispación e á irracionalidade. E, teño que recoñecer, a min non hai nada que me crispe máis que a irracionalidade.

Por iso me costa moito sumarme a algunha causa. O que sobra agora son “causas”. Pero o que me bota para atrás non é a causa, coa que normalmente estou dacordo, senon o argumentario.

Non temos cultura de debater. Nos países anglosaxóns é unha materia de estudo e práctica nas escolas. E cando o facemos non o facemos moi ben, utilizamos calquera argumento, sen que importe moito a lóxica.

Vou pór coma exemplo as reivindicacións dxs pensionistas.

Empezouse poñendo énfase no 0,25%, que a min paréceme o menos importante do tema. A persoa que non pode vivir da súa pensión tampouco o poderá facer con ese incremento porque tampouco podía antes da subida do IPC. De feito cando se produce o incremento dicimos que dous euros ao mes -ou os que sexan- non lle vai resolver o problema a ninguén. As persoas que temos pensións decentes podemos vivir delas e mesmo podemos -en situacións excepcionais- seguir vivindo delas se as conxelan uns poucos anos. Polo tanto, para min, a prioridade non é que se incrementen co IPC todas as pensións senon que se revisen as pensións máis baixas. Que si, xa sei que iso tamén se pide pero o caso é que o que se consegue é o incremento pero non a revisión.

Por que pasa isto? pois eu penso que porque non somos tan solidarixs coma nos parece. Se o que se reivindica é só a revisión das pensións máis baixas pode que non houbese tanta xente disposta a apoiar a causa.

Agora apareceu outro argumento que me deixou pampa; hai que subir as pensións para que poidamos manter axs fillxs e netxs. ???

O dito, deberiamos revisar os argumentos cos que defendemos as causas. Ás veces poden resultar contraproducentes.