Palabras e ideas

Hai palabras que non tiveron moita sorte co uso que se fixo do seu significado. Amigx, en Galiza hai uns anos, utilizábase coma sinónimo de amante.

Pero vou referirme ao uso e significado actual dalgunhas que, de entrada, supónselles unha acepción moi positiva que no seu significado non teñen.

Solidariedade. Segundo a Real academia española (RAE): “Adhesión circunstancial a la causa o a la empresa de otros”.

Calquera causa? É solidario -no sentido que lle damos normalmente- un neonazi?

A Real academia galega (RAG) acota un pouco máis o significado: solidariedade. “Axuda ou apoio que, por un sentimento de obriga moral, se lle presta a quen o necesita.

De que moral? Para que necesidade? Foron solidarias as persoas que apoiaron a inquisición?

Tolerancia. “Calidade de quen respecta as opinións e actitudes dos demais aínda que non coincidan coas súas” ou “Capacidade (…) para soportar…” segundo a RAG.

Se respecto ou soporto unha actitude violenta, son tolerante?

E a máis confusa e, seguramente por iso, a peor utilizada.

Igualdade. Traballando na transversalidade do Currículo douselle moitas voltas a este tema. Educación para a Igualdade de sexos, non, non se trataba diso. Temos tendencia á economía de palabras pero ás veces a economía non concorda coa precisión. Non sempre cunha soa palabra se pode definir unha idea.

Unha opción máis longa foi Educación para a igualdade de oportunidades de ambos os dous sexos. Xa é un nome longo dabondo pero eu -que non son economicista, aínda que resulte paradoxal- preferiría Educación para a igualdade de oportunidades entre as persoas de distinto sexo -ou opción sexual.

Por economía fálase só de igualdade e a palabra remata impoñendo a súa definición até chegar a crer que consiste en “facer todxs as mesmas tonterías”, que dicía Cristina Almeida.

E así chegamos a: se ti me controlas pero eu tamén te podo controlar a ti, iso é igualdade.

A Sociedade

Con frecuencia manifesto o meu cabreo coa sociedade civil e, coma sempre que se fala en xeral, non é xusto. A sociedade é diversa, seino. Tamén sei que algunhas persoas que me len e me coñecen entenden ao que me refiro. Con todo quero aclaralo un pouco.

Hai sectores da sociedade que me irritan e non necesariamente por cuestións ideolóxicas ou relixiosas -que podo respectar. O que me molesta é o fariseísmo e a pretensión de que outrxs lles resolvan os conflitos. Por exemplo:

Unha parella que se declara atea manda xs fillxs a clase de Relixión católica “porque a maioría van e non queren significar ás criaturas”, tamén lles fan a “Primeira comunión” polo mesmo motivo. Consecuentemente as criaturas queren ir á misa o domingo, iso amólaos e intentan que no colexio, na clase de relixión, non se lles diga que hai que ir a misa os domingos… ???

O que acabo de contar ocorre, non é un exemplo teórico.

Que unha familia relixiosa eduque xs fillxs na relixión pódeme parecer un erro -penso que as relixións  ou o ateísmo son opcións que cadaquén debe elixir libremente, no seu momento- pero non me indigna.

Con outro tipo de cuestións pasa o mesmo. Se todas as persoas que estabamos nos anos 70 nas manifestacións -e outras formas de protesta- reivindicando a igualdade e o uso do Galego fósemos consecuentes e actuaramos coma deciamos, a repercusión na sociedade tería sido maior. Pero utilizamos os mesmos argumentos que a parella do exemplo anterior -ou similares. “Ao remate ocúpome eu porque acabo antes e por non liala tódolos días” no caso da igualdade e “É que xs seus amigxs falan castelán… para o uso de Galego.

Non me anoxa que a miña xeneración fose educada en Castelán porque estaban convencidos que era o mellor para nós, nin que haxa mulleres que decidan ser elas as que se ocupen das “cousas da casa” porque cren que é o mellor para a unidade familiar. Tamén me parecen erros -que creo que é necesario corrixir- pero non me crispa.

Cando falo do desencanto coa sociedade refírome a ese sector da sociedade que non actúa consecuentemente conforme aos principios que manifesta “porque a maioría non o fai” e espera a que alguén -normalmente políticxs- actúe para normalizar eses principios.

Non estaremos nun círculo vicioso?