Querido Ateneo:

Vas cumprir 10 anos… mimadriña… coma pasa o tempo.

Cando souben do teu nacemento non o dubidei, decidín ser nai copartícipe e fíxenme ateneísta. Era máis ben un renacemento e algunhas persoas que te apadriñaban parecéronme “interesantes”.

Quero facer aquí unha paréntese para lembrar a Herminio Barreiro, co que traballei algún tempo -pouco, desafortunadamente- na Sección de Sociedade Civil. Posiblemente foron os meus mellores momentos contigo; sentía que había participación, colaboración, ausencia de protagonismo individual…

Viñeches a este mundo coas dificultades propias dun recén nacido: buscar o teu espazo.

E tamén por estar neste mundo heredaches o bo e o malo da sociedade. Eres machista, elitista, pouco transparente e pouco galeguista, por mencionar o que a min me parece máis relevante do “malo”. Non moi diferente que a maioría das asociacións que existen na sociedade, incluíndo partidos políticos, sindicatos…

Pero eu non me conformo con que sexas coma todxs, gustaríame que foses o mellor. Por iso moitas veces cabréome contigo e alónxome de ti, logo penso que podes mellorar e volvo acercarme… ás veces síntome orgullosa de ti, outras non tanto… Non son nai biolóxica pero supoño que debe ser algo parecido.

E sigo aquí… confiando en que sigas medrando e mellorando.

Cando se quere loubar as persoas físicas utilízase a expresión “bo profesional e mellor persoa”. Para ti gustaríame unha do tipo “bo organizador de actividades e referente de valores cívicos”.

Que cumpras moitos máis!!!