Govern 1 – Gobierno 1

E voilà!!!  Xa estamos na situación típica: Todos gañan, todxs perdemos.

O referendum estase a celebrar -Govern 1-, e non vai servir para ren -Gobierno 1.

E así con todo, empregamos moito tempo e moitos recursos en cousas que non solucionan nada. Iso si, os medios de comunicación recollen todas estas “controversias” coma se aí estivese a solución de tódolos males.

Non vou falar de Cataluña ou do machismo, diso xa se fala nos medios todos os días. E que dicir… nin un problema nin o outro se están a solucionar por iso; mañán en Cataluña todo seguirá igual ca onte, e as -moitas- mulleres que escriben -ou se manifestan- sobre o machismo seguen a comportarse como machistas nos seus fogares.

Hai uns días atopeime nunha gasolineira cunha recollida de firmas para que non se perda emprego por mor do autoservicio. Nas redes tamén aparece cada día unha recollida de firmas para algunha “causa”.

E digo eu… non sería mellor que actuasemos máis e falasemos menos?

Eu non poño gasolina nas estacións que non teñen persoal para poñela, nin pago nas autoestradas nas cabinas de “pago fácil”.

Que esa é outra. Pago fácil?… perdoa bonito… pago fácil é aquél no que hai unha persoa que fai o seu traballo e polo tanto non tes que facelo ti. Pero nós, a cidadanía, somos tan “listxs” que sabemos relacionarnos estupendamente coas máquinas e agradecemos que nos fagan o favor de non ter que facer cola na única cabina na que hai unha persoa para atendernos. Porque claro, somos persoas moi activas e o non podemos perder uns minutos do noso valioso tempo -e que podemos aproveitar para socializar nas redes.

E así con todo… A vida parece estar nos medios e nas redes. Coñezo xente nova que se sorprende moito coa vida real.

Penso que deberiamos pedirnos a nós mesmos ser un pouco máis consecuentes.

 

Advertisements