Pode que sexa que me pilla algo maior, pero empeza a parecerme moi complicado isto da Democracia real.
De partida é unha asemblea -15M- todo o mundo pode intervir e participar. Isto entendémolo ata xs maiores.
A partir de aquí empezaron aparecer organizacións resultantes dos movementos cidadáns que tiñan un obxectivo concreto -recortes nun sector, desafiuzamentos… A maioría teñen intención de gobernar concellos. Tamén o entendo, é un asunto doméstico. Para gobernar un concello -especialmente se non é moi grande- non é necesario compartir principios políticos xerais (forma de estado, política exterior, educación, sanidade, pensións…). Pódense pór de acordo para xestionar a súa cidade.
Finalmente aparecen as organizacións políticas, Partidos, con intención de participar en tódolos niveis -municipal, autonómico, estatal e europeo- cun funcionamento similar, en principio. Pero claro, chega un momento que o movemento asembleario empeza a ser inoperante. Hai que regulamentar o funcionamento da organización, elixir representantes… todo isto non se pode facer directamente na asemblea.
E aparece a “modernidade”
A participación empeza ser electrónica, por un sistema similar ao de GH -que xa mosquea, espero que con máis garantía de non manipulación. Parece que hai que darse de alta para poder participar co teléfono móbil ou similar pero, independentemente das garantías do proceso da votación -suplantación, voto múltiple… -, está o tema do sistema de contabilizar os votos. É un proceso bastante complicado e difícil de auditar.
E xa que temos a tecnoloxía imos dar moitas opcións: listas abertas mesturadas con listas pechadas e, ao mesmo tempo as listas pechadas de persoas combinadas coas propostas -a xustificación é que unhas persoas non poden asumir as propostas que non son súas…
Sinceramente teño as miñas dúbidas respecto do grao de coñecemento do sistema por parte das persoas que o utilizan. Non estou moi segura de que eu -estudos superiores e informática nivel usuario- se quixese participar neses procesos, sabería como facelo. E non me refiro exclusivamente ao tema do control da informática -que tamén- senon a propia complexidade do proceso -de saber exactamente en cada momento o que estou votando e para que.
E xa para rematar están xs candidatxs dos partidos tradicionais que, despois de ser elixidos nun proceso máis ou menos aberto, sucumben aos cánticos da fórmula “moderna” e abandonan o partido para presentarse noutras listas.
Recoñezo que agora mesmo non creo que fose quen de emparellar cada candidatx coa candidatura pola que se presenta, especialmente en Madrid.
Entender o que está a pasar vai ser cousa de elites intelectuais?