Sempre tiven as miñas dúbidas sobre a preferencia entre “democracia directa” e “democracia representativa”. Estiven na Universidade polos anos 70 -na facultade máis activa do campus- e vivín o movemento asembleario dese momento -participei nas asembleas e tamén nos comités de curso. Coñezo como funciona o sistema, coas súas vantaxes e os seus inconvenientes, e polo tanto sei como se pode manipular unha asemblea recorrendo aos sentimentos descontrolados dunha masa cabreada; a limitación dxs representantes da asemblea para negociar -porque a negociación leva implícito o movemento dos posicionamentos iniciais…
Actualmente estamos a vivir unha situación similar -poucas cousas son novidade para alguén que xa ten moito vivido. PSOE, IU e Podemos están agora niso, con distintos resultados.
Unha corrente de Podemos recorre a presentar propostas moi pechadas, sen opción a incorporar nada nin a ninguén diferente, e parece que esta decisión foi moi ben acollida polas bases. Pero… Foi unha opción que as bases elixiron libremente ou estaban condicionadas?
As bases de EU de Madrid elixen unha candidata que pouco despois abandona a organización por incompatibilidade cun sector da cúpula. En que situación quedan as bases?
E o do PSOE en xeral, e da federación de Madrid en particular… No 2010 Tomás Gómez enfrontouse á cúpula para ser candidato á comunidade -a cúpula tiña outra, que segundo as enquisas podía ter mellores resultados- esixindo democracia. Houbo primarias e gañounas, pero non gañou as eleccións -o PSOE perdeu 6 escanos e tódolos demais partidos subiron. Equivocáronse as bases, “a xente común”? Agora volve enfrontarse -por un motivo ben diferente. Terá razón a cúpula?
As bases tamén elixiron a Pedro Sánchez -a pesar de ser bastante descoñecido nese momento- e ao día seguinte xa estaba sendo cuestionado polo seu propio partido. Outra vez equivocáronse as bases?
Non sei… cada paso teño menos claro se erran máis as cúpulas ou as bases. E non é que non me fíe das bases, e que non confío na ausencia de manipulación. Non sei se isto ten arranxo ou se hai que aceptalo como “imperfección” da democrecia.