Eleccións galegas

Ou Eleccións e pandemia, tamén podería ser.

Voume referir ás galegas, porque me quedan máis a man, pero podería aplicarse ás vascas, catalás… ou outras que se celebren nunha situación semellante.

O que nos gusta unha polémica! Non entendo moi ben a crítica que se está a facer ao Presidente da Xunta -e xa me custa dicir isto- pola convocatoria de eleccións en xullo.

Vou aclarar por que non o entendo.

É competencia da presidencia do goberno -de calquera goberno- convocar eleccións. As eleccións convócanse cada catro anos, pero dentro desa norma xeral os partidos que ostentan o poder nese momento adoitan elixir a data que cren que máis lle favorece; TODOS, con ou sen pandemia. E parécenos normal -ademáis de legal- á maioría.

Aos gobernos de Galicia e Euskadi pareceulles ben adiantalas, suspendéronse pola pandemia, e agora decidiron celebralas en xullo.

Non vexo polémica por ningures. É máis, entre celebralas en outono ou en xullo case me parece mellor agora. Parece que hai máis posibilidades dun rebrote en outono que no verán. Pór o foco na oportunidade da data elixida só vai server para reforzar o argumento da conveniencia de celebralas agora.

Que hai que facelas con moito tino? Sen dúbida! Pero coma todas as actividades que fagamos nunha situación de inseguridade coma a que estamos a vivir. E non me parece máis perigoso ir votar que ir de rebaixas a uns grandes almacéns, a unha voda con cen invitados, á misa… Penso que non hai que dar argumentos aos que consideran que o de votar -a Democracia- é menos necesario que a Economía.

Que non me agrada concordar co Presidente da Xunta? Pois tamén, pero non quero caer na tentación de facer o que fan os que critican pola cor política sen ton nen son, ás toas.

Por isto pregaríalle aos partidos da oposición que non centrasen a campaña nalgo tan trivial cando hai tantas cousas importantes que afear ao Goberno da Xunta.

Interventoras e apoderadas

En liñas xerais, segundo a Ley electoral –Ley Orgánica 5/1985, de 19 de junio, del régimen electoral general.- Son persoas que poden:

acceder aos locais electorais,

examinar o desenvolvemento das operacións de voto e escrutinio,

formular reclamacións e protestas,

participar nas deliberacións da mesa con voz pero sen voto e

recibir as certificacións (actas), unha por candidatura.

Onte fun apoderada dunha candidatura -máis por curiosidade persoal miña que por utilidade para a candidatura porque na miña cidade ten suficientes persoas dispostas a exercer esa función.

Hoxe reflexiono sobre isto -do outro habería moito que reflexionar, coma por exemplo por qué nos empeñamos en que xs votantes da dereita teñen que deixar de votar ao PP en vez de empeñarnos en que os de esquerdas voten.

Ben, vou ao tema. Non sei moi ben por qué apareceron estas figuras -interventoras e apoderadas-, pode que fose por ese exceso de paternalismo que caracteriza á nosa sociedade para axudar xs compoñentes da mesa -pouco expertxs en actos electorais- e así garantir a limpeza do proceso.

O que eu observei foi algo diferente.

Trátase de seguir coa campaña electoral de forma subliminal ao bordo da legalidade -e xa sabemos a quen se lle da ben isto-, explícome.

  1. As identificacións destas persoas é o logo da candidatura da forma máis chamativa posible para atraer a atención das persoas pouco decididas. Ademais levamos cartafoles con documentación -tamén co logo- que se poden colocar en lugares moi visibles. Nestas eleccións a Xunta electoral prohibiu a utilización dunhas porque no logo ía incluído o nome do candidato.
  2. Aproveitando a inexperiencia dxs presidentes das mesas “colabórase” colocando as papeletas nas cabinas e nos lugares fóra delas, iso si, segundo uns criterios de visibilidade, cantidade… que favorezan a candidatura que se representa.
  3. En vez de vixiar a limpeza do proceso parece que se vaian  vixiar entre elxs.

Colaborar coas persoas que compoñen as mesas faise, pero cando interesa. Tense présa por marchar coas actas para os locais de campaña. Onte, nunha mesa na que houbo moitos votos -tanto presenciais coma por correo- tardouse algo máis en facer o reconto. Os interventores -especialmente un- estaban como voitres alporizando para que se lle deran as actas, intimidando á presidenta que canto máis a apuraban máis medo tiña a cometer algún erro. Finalmente marcharon -unha muller, antes de marchar, doulles unhas instruccións bastante útiles, teño que recoñecer- e quedamos co lío dos sobres e con dudas sobre unha documentación que non se mencionaba explicitamente se tiña que ir nalgún sobre ou non. Acompañei á presidenta ao xulgado e foi alí onde nos resolveron o problema.

Total, empezo a dudar se a existencia destas figuras favorece ou entorpece o proceso.