Carolina Bescansa

Non sempre concordo con ela, especialmente na forma.

Pareceume sobreactuada e innecesaria a presenza do seu fillo nos escanos do Congreso na cerimonia de configuración do Parlamento. Podo estar algo de acordo co da crianza de proximidade -tampouco moito porque a proximidade acaba sendo á nai, non ao pai- pero no seu caso o neno podería estar na gardería, que hai, e ela pasar por alí para amamantalo, ou simplemente para estar un pouco con el. Facelo como un acto testemuñal? Pareceríame ben se non desviase a atención do acto principal, sen dúbida máis importante.

Sen embargo teño que concordar con ela en que aspirar a ser a líder da formación política á que pertence non é motivo para renunciar á acta de deputada. A min nin sequera me parece que mereza algunha sanción por parte de Podemos -que supoño non terá.

Pero como en outras moitas ocasións a miña forma de ver as cousas e a dos medios de comunicación non coinciden.

Mentras que co do fillo moitos medios apoiárona -mesmo sacaron imaxes dunha parlamentaria europea facendo a súa intervención coa súa crianza no mesmo atril- neste caso parece que todos están moi sorprendidos de que non dimita.

Aínda considerando que pretender substituír ao líder sexa unha deslealdade -non é o meu caso-, faina menos válida coma parlamentaria?

Se o escano é dx parlamentarix e non do partido é precisamente para que se poida manter a independencia. Este tema tamén é peliagudo: Deben os partidos controlar xs parlamentarixs? Listas abertas?… pero este é outro asunto.

Pois ao que ía: paréceme moi mal asunto que se considere que debería dimitir. Non está na esencia da democracia que calquera persoa pode chegar a presidir o seu país?

Pois iso,