Desobediencia civil

Algunhas veces, na miña xa longa vida, actuei de forma contraria á normativa legal dese momento. Por exemplo impartindo clase en Galego ou manifestándome na rúa cando ambos feitos estaban expresamente prohibidos.

Digo isto para que quede claro que me parece unha opción moi válida nun contexto determinado.

Non era unha medida que, até o de agora, se utilizase con moita frecuencia. Neste momento é bastante normal escoitar a alguén, normalmente membro dunha agrupación cunha loita concreta,  reivindicar a desobediencia civil coma un dereito.

Imos ver… Eu non sei se non será xa tempo de definir un pouco en que situacións a desobediencia civil pode estar xustificada.

De entrada parece lóxico que se desobedeza unha lei contraria aos dereitos humanos. Tamén digo que me parece pouco probable que hoxe, na comunidade que nos movemos –Europa- existan leis que atenten directamente contra os dereitos humanos. Se hai dúbidas conviría facer unha “auditoría” para detectalas e mudalas.

Noutros casos como as liberdades individuais ou colectivas, entramos xa nos intereses enfrontados entre o meu dereito e o do meu veciño; que se o meu dereito conculca o dereito de outrx, que se a miña liberdade atenta contra a liberdade ou os dereitos doutrxs… Estas situacións están regulamentadas polos lexislativos dos países que, nos estados democráticos de dereito, adoitan facelo de forma equilibrada –dereitos e liberdades de tódalas partes.

O Incumprimento destas normas pode supor un prexuízo para alguén –que non sempre ten que ser un “cabrón” e ademais os cabróns, igual que os asasinos, tamén teñen dereitos.

E digo eu… que aínda que me parece que a desobediencia civil é unha actitude a exercer, tamén penso que reivindicala asi… en xeral –se unha lei non me parece xusta, non a cumpro…

Pode quedar ben, é populista; estamos queimadxs e cabreadxs con tódolos poderes do estado, cos tres -eu ata co cuarto. Pero… Non é algo frívolo?

Advertisements

Obxección de conciencia e desobediencia civil

Algunhas familias cren que o que fai a súa crianza na Escola infantil é Cubismo, pero non. Picasso era un moi bo debuxante e pintor que, segundo o vexo eu, cansou de facer as cousas que xa facía ben e decidiu inventar outra maneira de representación.

Coa obxección de conciencia e a desobediencia civil pasa un pouco o mesmo.

Nun momento determinado, xeralmente dende a esquerda, empezouse a reivindicar a concepción do ben e do mal individuais -conciencia-, diferentes da moral social, que era a cristiá. E entrou na categoría de “dereito”. De entrada nada que obxectar, mentras quede no ámbito da moral individual. Porque cando están en xogo varias conciencias… Vou pór exemplos.

Cando quixen facer o meu testamento vital fun a un notario, cando viu que unha das miñas instruccións era que quería eutanasia activa voluntaria, no caso de que nese momento estivese legalizado ese procedemento, díxome que con ese punto non mo facía por obxección de conciencia. Supoño que moitos médicos tamén farán obxección de conciencia no momento que sexa legal, como xa o fixeron co aborto. Están exercendo un dereito?

E xa enlazo coa desobediencia civil. Tamén ten moito predicamento entre a esquerda, pero ten o seu perigo. Ese tipo de persoas que acabo de mencionar están facendo desobediencia civil negándose a facer algo que formaría parte do seu traballo e, tal como eu o vexo, deberían ser xulgados por iso. Desobedecer á moral cristiá é pecado e desobedecer as leis é delito, iso debería estar moi clariño para todo o mundo porque a río revolto… proveito para os “moralistas”.

A desobediencia civil estaba pensada para incumplir leis que atentaran contra os dereitos humanos, pero está sendo utilizada con base na conciencia -eu creo que esa norma é mala e polo tanto desobedézoa.

Con tino!!! Non vaiamos converter estes dous conceptos en excusas para impór a nosa moral, porque os que teñen outra tamén o van facer, e seguro que mellor.