Maltrato

Acabo de ler un artigo en Infolibre ” El Maltrato a la tercera edad…” e, aínda que non me conta nada que eu non soubese, fíxome recordar o fácil que é caer no maltrato.

Fun docente e en máis dunha ocasión atopeime dicindo ao alumnado algo ou directamente machista; “que dous “nenos” vaian buscar unha mesa…” -algo que rapidamente amañaba engadindo algo coma “ben, dous calquera…”-, ou algunha resposta “irónica” algo improcedente. Por non falar do desexo impulsivo de darlle unha bofetada a alguén.

Todo isto nun entorno laboral, un periodo tempo determinado. Non quero nin imaxinar unha situación de coidados a tempo completo!!!

Todo isto pasoume sendo unha persoa ideoloxicamente feminista e pacifista, pero a cultura capitalista está aí e non é sinxelo librarse dela completamente.

Afortunadamente para min non tiven que coidar a maiores por un longo periodo de tempo, pero sempre tiven claro que a probabilidade de maltrato cando se coida a alguén na contorna familiar é moi alta. Por moito que se lle queira a esa peraoa, e ata me atrevo a dicir que precisamente por “querer o mellor para ela”. Cando nos ocupamos de alguén poñemos demasiada énfase na súa saúde física; non comas isto, non fagas estoutro… o que nos leva a discusións estúpidas que poden levar á persoa “dependente” a sentirse un estorbo, infantilizadas ou directamente maltratadas.

Bou facer unha paréntese, cando dicimos o mellor para ela tamén estamos pensando no mellor para mín porque se a enferma empeora vou ter máis traballo.

Sei que se tivese que coidar a alguén, en algún momento calquera dos dous nos sentiriamos maltratadores unhas veces e maltratados outras.

Por iso decidín que, cando chegue o caso, non quero que me coide unha persoa da familia; quero facer o que me de a gana sen ter en conta se é bo ou malo para a miña saúde -que ironía falar de saúde nesas circunstancias! Por suposto sempre que a única afectada sexa eu.

E así o teño especificado no meu testamento vital

A violencia de xénero

Segundo eu o vexo non son as leis as que van acabar coa violencia de xénero o mesmo que non acaban coa violencia en xeral. A Policía e a Xudicatura entran en xogo cando os actos xa se produciron.

A miña tese é que hai que educar ás mulleres, si, ás mulleres.

Cando se fala deste problema nos medios de comunicación case sempre aparecen “expertos” que propoñen solucións e que se poderían resumir en dúas; máis medios e educar aos homes.

Ben, non digo que iso me pareza mal. Pero pór a énfase nos homes para a solución do problema non me parece efectivo, é coma se puxeramos outra vez o noso destino nas súas mans; só nos libraremos desta lacra se os homes queren.

Hai quen cre que a solución está na educación para a igualdade, pero se se ten coma único obxectivo a igualdade, pódense dar -e danse- estas situacións:

No medio doméstico a igualdade consiste en que xa non son as nenas as que colaboran nas tarefas da casa, non o fan nin as nenas nin os nenos. Xa na adolescencia poden elixir en igualdade a estética indumentaria, que normalmente tradúcese en que os homes píntanse, tinguen o pelo, levan pendentes ou depílanse e as mulleres levan zapatos con tacón imposible, implantes mamarios…

Pero o peor é coas relacións sentimentais: O control.

O control tamén se fixo igualitario e é frecuente que unha rapaza che diga que o seu mozo non é controlador, que ela tamén o pode controlar a el, que aos dous lle gusta saber onde está o outro e que están sempre en contacto. Ata pode que che diga que o fan porque teñen unha relación moi sincera.

Control igualitario? Así entendemos a igualdade? Queremos a igualdade nas “taras”?. E ademais a partida do control igualitario está perdida por adiantado porque os homes teñen moita máis experiencia.

A educación das nenas debería insistir moito na autonomía persoal -especialmente a emocional. A dos homes tamén, pero ás mulleres faille máis falta.

A dependencia emocional é -en moitísimos casos- a causa de que os malos tratos se manteñan.