A culpa e a mentira

Nótase o peso da cultura cristiá na nosa sociedade.

Hai dous aspectos que me chaman a atención pola consideración social e a repercusión na política segundo a relixión hexemónica: A mentira e a culpa.

Nas sociedades con relixión hexemónica protestante mentir -enganar- é unha falta moi grave. Dende a escola primaria copiar nun exame está moi mal visto socialmente -ademais de castigado academicamente. E na política non digamos. Dimítese por ter copiado na tese de doutoramento -non se considera “erro de xuventude”, coma aquí- ou por mentir á policía dicindo que conducía o coche outra persoa cando se cometeu unha infracción de tráfico.

Aquí mentir, coa súa variante verdade a medias -manipulada, somos especialistas nisto- é algo que non só se tolera senon que se xustifica -mentira piadosa. Iso si, chamar mentireirx a alguén considérase un insulto e serve para abroncar unha discusión “teatrillo” porque preferimos o “sangue quente” á racionalidade.

Pero o da culpa… iso si que me alucina. Eu penso que ten que ver coa cultura cristiá, co pecado.

No meu traballo como docente tiven que intervir na solución de conflictos de todo tipo. A primeira reacción do alumnado é formar un semicírculo ao teu redor balbordando de quen foi a culpa. Normalmente non hai unanimidade e a prioridade para eles é determinar ese aspecto. En moitas ocasións o prioritario é atallar as consecuencias do incidente. Por exemplo; se rompeu algo de vidro na clase o prioritario é que se alonxen do lugar e retirar os anacos para que non haxa feridxs,  pero non, empéñanse en aclarar quen foi o culpable para que sexa el o que recolla os anacos de vidro e reciba o castigo correspondente, aínda que fose un accidente.

Pois os adultos igual, ahora resulta que o importante é saber se a culpa de ter que repetir as eleccións é do PSOE ou de Podemos. Obviamente iso é imposible de determinar dunha forma obxectiva porque a culpa é o que ten: gústalle estar en todas partes.

O problema segue aí e moito me temo que seguirá despois destas eleccións porque parece que con sorpaso ou sen el os protagonistas “da culpa” van ser os mesmos. Pero iso non importa. O importante é de quen é a culpa.

Advertisements