A arte do posible

É unha das moitas definicións de Política. Tamén se di que é a arte de gobernar os pobos ou os estados.

Eu, mesturando as dúas, diría que é a arte de gobernar da mellor maneira posible.

E aí está a súa dificultade, en saber cal é a mellor maneira e sobre todo que é imposible.

Empezarei polo segundo, que é imposible? Pois para a dereita é imposible case todo o que non sexa libre mercado e para a esquerda non hai mada imposible “imos asaltar o ceo”.

Na transición xa debatemos o de ruptura ou reforma -pensarán xs máis novxs que non había xente utópica, pero si. Algunhas persoas pensabamos que a creba era posible, pero non o foi. E non o foi -entre outras moitas causas- porque perdemos as votacións. Votamos non a esta constitución pero saíu si, tamén votamos non a OTAN e tamén saíu si… E aceptamos que había moitas cousas boas que se podían facer co que había; establecer un sistema de partidos, universalizar servicios públicos… A cousa non foi mal ao principio, pero a sociedade acomodouse e o que tiña que ser o camiño converteuse no destino final.

E agora? pois a miña opinión é que se desaproveitou a primeira oportunidade de facer o posible pola probabilidade de facer o imposible, que como o seu nome indica non é posible.

Pepe Mujica -moi reivindicado pola esquerda para moitas cousas- dixo nunha entrevista, na que lle preguntaban se puidera facer o que previra, que fixo o que puido.

Pois isto é o que eu lle pido xs políticxs de esquerda; que fagan o que poidan, pero que fagan algo. Só con discursos ideolóxicos non imos a ningures.