Srs. guionistas de informativos:

Segundo un informativo de hoxe ao mediodía, Podemos vai tentar de formar catro grupos parlamentarios para así ter máis voces e máis dotación orzamentaria.

Noon, nooon, noooon. Vóuvolo explicar. Vou ter que ir ao Libro Gordo de Petete ou pedir axuda a Epi e Blas -que queredes, cada unha ten os referentes que ten.

O que vós chamades Podemos, en realidade son catro formacións electorais: Podemos, de ámbito estatal; En comú podem, que se presentou nas circunscripcións electorais de Cataluña; Compromís-Podemos-És el moment, que se presentou nas circunscripcións electorais da Comunitat Valenciana e En Marea, que se presentou nas circunscripcións electorais de Galiza.

As tres coalicións electorais que identificades con Podemos están formadas por varios partidos -nos que tamén está Podemos- e plataformas cidadás. E para que poidades valorar o peso de Podemos vouvos dar uns datos: o número de diputadxs de Podemos en cada unha destas formacións.

En comú podem ten 12, dxs que son de Podemos 2.

Compromís-Podemos-És el moment ten 9, dxs que son de Podemos 3.

En Marea ten 6, dxs que son de Podemos 2.

É dicir, que dun total de 27, ten 7.

Unha das condicións que lle puxeron a Podemos as tres coalicións foi a de formar grupo parlamentario propio se os resultados e o regulamento do congreso o permitían. Porque, que o saibades, a intención de Podemos era que todos fosen “baixo o seu paraugas”. E, que saibades tamén que se se forma o grupo, este será o que reciba e administre a dotación presupostaria. Polo tanto, que se formen 4 grupos parlamentarios non é cousa de Podemos senón das outra forzas. Se iso lle beneficia a Podemos ou non é algo que vós deducides -e que eu non teño tan claro- pero en calquera caso sería de rebote, non pola súa intención -é máis doado dirixir un grupo que catro.

Electoralmente é certo que estas formacións beneficiáronse do “efecto Podemos” pero tamén que recibiron, grazas ás outras forzas, moitos votos nacionalistas -por iso o do grupo propio- que Podemos non recibiría indo só. Que se beneficiaron mutuamente, vaia. Pablo Iglesias sabíao, por iso aceptou as condicións que lle puxeron.

E queixámonos de que a xente non se entera? De que hai pouca cultura política? Con estas (des)informacións non me sorprende.