Coalicións

É curioso como ás veces, nalgún momento coinciden cousas.

Onte fixo 80 anos que o Frente Popular gañou as eleccións xerais. Era unha coalición electoral formada por moitos partidos de esquerda, republicanos, nacionalistas… co respaldo dos sindicatos. En Galiza, o Partido Galeguista entrou no Frente e en Cataluña e en Valencia presentouse outra coalición “Front d’esquerras”, apoiada polo Frente Popular.

A que me soa?

E tamén coincide que estou lendo unha novela de Eduardo Mendoza, escrita no 2010 e ambientada na primavera de 1936. Hai unha escea que me chamou a atención. Un Inglés acaba de chegar a Madrid e, vagando polas rúas, métese nunha taberna ateigada de xente. Ao comprobar que era estranxeiro todos querían explicarlle a revolta situación que se estaba a vivir na rúa. Segundo un, a raíz do conflicto está na actitude dos cataláns (…). O inglés intervén para dicir que el está convencido de que todo se pode resolver co diálogo e a negociación. E liouse… “Ao non defender a postura de ninguén, todos o consideraban aliado do contrario”.

A que me soa isto tamén?

E digo eu… Onde está a nova forma de facer política?

Ou eu ou o desastre, e ti máis, se non estás comigo estás en contra de min, non se pode ser obxectivx porque entón todxs estarán en contra de ti, foi el o que empezou…

Dáme a impresión de que estou a facer unha “garda de patio” no instituto.

Advertisements

Syriza

Syriza naceu coma unha coalición electoral e estaba formada por moitos partidos, todos de esquerda: comunistas, maoistas, socialistas, trotskistas, euroescépticos, ecoloxistas…

Aínda que formalmente se presentaron xuntos, como SYRIZA, no 2004, xa viñan tendo actuacións conxuntas dende antes.

Se eu tivese que buscar o equivalente español de Syriza, ocórrenseme varios: IU, BNG ou AGE.

Izquierda Unida (IU) naceu polos 80, a finais, aglutinando partidos comunistas, socialistas, republicanos, humanistas…-todos de esquerdas- con motivo das movilizacións pola saída de España da OTAN.

No caso do Bloque Nacionalista Galego (BNG) os seus inicios remóntanse aos anos 60. Foron cambiando os nomes da coalición e incrementándose os grupos que a compoñen até chegar ao actual BNG. A ideoloxía común é o nacionalismo de esquerda e os grupos que o compoñen son comunistas, socialistas…

A coalición máis recente das que mencionei, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Nace no 2012 para as Eleccións ao Parlamento de Galiza. Está formada por partidos ou coalicións de esquerda (EU), nacionalistas (ANOVA), ecoloxistas (EQUO)…

Por isto non entendo moi ben as comparacións que se están a facer nos medios de comunicación de partidos españois con Syriza.

Podemos non é unha coalición -no seu seo había unha coalición política (Izquierda Anticapitalista) pero aos seus afiliadxs non se lle permitíu presentarse para ocupar cargos da cúpula, e a organización (IA) rematou tendo que deixar de ser un partido para poder participar en Podemos-, non se definen de esquerdas… polo tanto non entendo moi ben a similitude. O único que eu lle vexo eu en común é que son forzas emerxentes nos seus respectivos países, pero tamén en Francia hai forzas emerxentes, que non quero nin nomear, e non creo que veña ao caso buscar a relación.

E xa, á marxe do dito, o que me alucina é que se defina a Syriza coma o Podemos grego. Aínda que só sexa por cronoloxía tería que ser ao revés.