Carolina Bescansa

Descoñezo as razóns da dimisión de Carolina Bescansa da dirección de Podemos. Coma non parece debida á loita directa polo poder supoño que será porque non se sente cómoda. Eu tamén me fun dalgúns postos “de dirección” e foi por esa razón.

Por iso vou aproveitar este feito de actualidade para explicar a miña visión da fuxida dos postos de poder por parte de moitas mulleres.

Non vou comentar que as mulleres teñen máis dificultades para accader a postos de responsabilidade nunha empresa ou nunha institución porque diso xa se ten falado moito. Vou comentar algo que din moitas veces “os machistas” para explicar o fenómeno: E que son moitas as mulleres que non queren.

E con pesar teño que recoñecer que hai algo de verdade nesa afirmación.

Con un matiz. Non é que non queiras acceder, o que non queres e continuar unha vez que estás aí.

A dobre moral entre o noso e o de outros fai que tomar moitas decisións correctas legalmente sexa imposible. Algúns exemplos -de cousas banais pero que van creando pouso- no mundo da docencia.

Se pretendes suspender a un alumno porque copiou nun exame atoparás todo tipo de inconvenientes por parte do resto do profesorado e das familias para facelo. Que se son nenos, que se lle vas fastidiar o curso por esa tontería, que se iso forma parte da esencia do alumnado… Eso si, se copiou un cargo público -aínda que fose cando era alumno- entón é un delito moi grave polo que o hai que cesar xa.

Se hai unha contabilidade B para as operacións nas que interveñen aportacións económicas  que fan as familias -para pagar o transporte das actividades extraescolares, por exemplo- non pasa nada porque nós somos moi honrados e non facemos trampas e as familias están de acordo. Que vai facer a empresa de transportes con eses cartos non se lle ocorre a ninguén. Pero a contabilidade B de calquera outro… á cadea pero xa.

Calquera organización funciona con base nos principios que rexen na sociedade: liderazgo -personalismo, simpatía-, amiguismo, clientelismo, demostración de forza e poder…

As mulleres non temos costume de facer as cousas desa maneira porque até hai pouco non tiñamos a posibilidade. E moitas non queremos aprender, non hai por que ser iguais no malo.

Por iso penso que se hai poucas mulleres en postos de “poder” non é só pola conciliación ou polo patriarcado, que tamén, senon por non aceptar as regras de xogo do poder.

E si, é un círculo vicioso. Con estas regras aguantan poucas e con poucas é máis difícil cambiar as regras.