Os vestidos

A que se lía cada ano, co gallo das campanadas, co tema do vestiario feminino.

Dixen e escribín moitas veces o que penso ao respecto dos convencionalismos da estética feminina: pelo longo, zapatos con tacóns imposibles, vestimenta coa que resulta case imposible respirar, depilación, maquillaxe… en fin… un lote de cousas moi incómodas pero coas que os homes parece nos ven moito máis atractivas ?? E nós, por sentirnos admiradas… pois a sufrir. Xa sei que algunha desas cousas tamén a empezaron a facer os homes. Se o da igualdade vai por aí… pois que ben.

Aclarado o meu posicionamento no tema vestiario. Hai moitíiiisimas ocasións nas que as mulleres -especialmente as que teñen repercusión pública e/ou mediática- se prestan a estas escenificacións. Entregas de premios cinematográficos, musicais… Mesmo mulleres pouco sospeitosas de machistas poñen o disfraz correspondente para a alfombra vermella -ou de calquera cor- de turno. Locen vestidos que moitas veces non son seus, son prestados por casas de moda. A desculpa é que hai que promocionar a industria da moda que move moitos cartos e xera moitos postos de traballo. Nesas ocasións non se forma tanto alboroto nas redes sociais, seguramente porque esas mulleres son máis “poderosas” que as que presentan as campanadas.

Moitas desas mulleres -Madonna, Lady Gaga…- locen vestimenta que non ten nada que envexarlle á de Pedroche.

E xa que estamos na espiral capitalista, moito peor me parece defender o mantemento da industria armamentística porque o peche implicaría a desaparición de moitos postos de traballo. Disto si que non vexo eu nada nas redes. Pero esa é outra historia.

E digo eu… se nos imos pór quisquillosas, por qué non “xulgamos” pola maneira de vivir, de actuar na vida real? ou é que o real é o que sae pola tele?