Brecha dixital

Penso que nesto da fenda dixital das persoas maiores hai moito paternalismo e interese económico, coma en case tódolos aspectos que concirnen á xente maior.

Son unha persoa maior moi independente.

Empecei a utilizar ordenadores cando aínda non tiñan rato, si, coas teclas de función. De Internet xa non digamos. Logo viñeron os ratos e tiven que adaptarme. É moito máis fácil, dician os informáticos. Pero non nos enganemos; o máis sinxelo é o que xa se sabe. Aprendín. Tamén apareceron as redes internas que só servían para mandar documentos entre departamentos da mesma empresa ou entidade… Tamén aprendín. Coa Internet global o mesmo.

Foise desenvolvendo o uso en liña; aparecen páxinas web, aplicacións… para facer compras e xestións administrativas… Tamén aprendín a utilizalas.

Ata aquí todo normal.

Pero logo chegaron as melloras. Para que o procedemento fose máis sinxelo, máis seguro… Informáticos e empresas non paran de facer innovacións de forma que o que antes facías dunha maneira agora é de outra. Para que ata unha crianza de tres anos saiba facelo.

Aquí vou facer unha paréntese; as criaturas de tres anos non son máis listas do que era eu a esa idade porque saiban utilizar unha tableta ou un teléfono -eu non o facía basicamente porque aínda non existían-, é que están pensadas e deseñadas para que o fagan.

Ben, continúo. Pois con tantas “melloras” chega un momento no que xa aprendín a facer a mesma cousa de tantas maneiras -recordemos que son maior- que nas tarefas que non son cotiás xa non me da a gana de aprender máis, porque é moi probable que a próxima vez que teña que facelo xa sexa diferente. E xa prefiro que alguén a faga por min. Pero non porque non poida facela eu senón porque non teño ganas de pelearme coa aplicación; que se toquei na icona do lado, que se se colga, que se nese momento non vai porque está sobrecargada…

Son unha analfabeta dixital? Penso que non.

Que hai moitas cousas que prefiro facer en persoa? Si, especialmente mercar.

E digo eu… A atención personalizada non debera ser un servizo só para persoas maiores coa excusa de que non sabemos utilizar a tecnoloxía.

Eu sei utilizar as cabinas de “pago fácil” -vaia ironía- das autoestradas ou as caixas de autopago dos supermercados pero non o fago por varias razóns diferentes ao descoñecemento.