Búmerang

Estamos poñéndonos tan “estupendos” (radicais, diría) que vai chegar un momento no que unha cousa e a contraria van estar ben segundo falemos dos nosos ou dos outros.

As mulleres do PP -que dito sexa de paso, houbo e hai moitas máis en postos relevantes na política que nos partidos de esquerdas- foron moi mal tratadas polos “progresistas”. Botella, Aguirre, Villalobos… son algúns exemplos. Penso que en moitas ocasións había moito machismo nos xuízos que se lle fixeron. E, aínda que o machismo non estivese no miolo da análise, si que o hai na intensidade. Se o que enreda coa tableta durante unha sesión parlamentaria é un home, hai tanto escarnio público?

Agora a dereita estase a ensañar con Irene Montero. Non o vou xustificar. Pero tampouco desculpo que aínda hoxe se lle mencione a Villalobos o do Candy crush, que ao remate non era Candy crush.

Sen compartir todo o que se está a dicir de Irene Montero recoñezo que o asunto ten o seu aquel. Porque se é a idónea para a portavocía, por que non foi ela dende o principio en vez de ser só adxunta? Por machismo? Houbo machismo antes ou haino agora? É machista asociar o posicionamento social ou político das mulleres ás súas parellas, certo. E no caso de Boltella? Era machismo? Ou como non era das nosas todo vale?

Quero facer unha paréntese para recordar que Carmen Romero desapareceu da vida pública, que tiña de antes, cando o seu home foi Presidente do Goberno. Tamén aí houbo machismo, aínda que en sentido contrario.

Estase poñendo de moda acusar de machistas a persoas públicas; Sabina, Pablo Motos, Évole… ademais de os políticos.

A sociedade na que vivimos é machista. O machismo é unha ideoloxía na que todos e todas fomos educados. Pouco a pouco moitas persoas fomos desprendéndonos de moitos valores nos que nos educaron -cos custos correspondentes de ser consideradxs “rarxs”, ou algo peor- pero teño moitas dúbidas de que haxa alguén que estea completamente libre de algunha actuación ou expresión machista. Supoño que ata a mesma Barbijaputa terá algo por aí escondido pola que se a poida acusar de machista, pero como non ten vida pública -ela mesma se protexe cun seudónimo e non aparece nunca fisicamente, nin sequera nas entrevistas- non se lle poden sacar.

E digo eu… Imos dedicarnos a buscar comportamentos machistas en todo o mundo? Seguro que, buscando ben, todxs imos ter algún. Non sería mellor por de exemplo os que non o son?