Os Beléns de Martiño

A prensa local compostelá e a dereita -valla a redundancia- teñen como misión prioritaria desprestixiar a Martiño Noriega, si, a el persoalmente. Non ao goberno municipal, nin sequera ao alcalde. Saben que nas municipais a xente vota á persoa que encabeza a candidatura máis que ao partido que representa.

Nunha cidade coma Compostela o tema relixioso dá moito de si. A Catedral, o Apóstolo… son unha parte moi importante da súa economía. Por iso hai que aproveitar que o alcalde sexa partidario de diferenciar, sin enfrontar, as dúas institucións -Igrexa e Concello.

Pero este matiz, sen enfrontar, non lles vale a prensa e á dereita. Están empeñados en buscar un rechazo que na realidade non existe. Por máis que as autoridades eclesiásticas teñan manifestado que as relacións son boas… eles nin caso.

Vou pór coma exemplo a campaña Compostela en negro contra a violencia de xénero. O Concello puxo en marcha, no 2015, esta campaña e este ano conseguiu moita repercusión non só en Compostela senon noutos moitos concellos. A Catedral sumouse a esta iniciativa despregando na súa fachada un pano enorme co logo -supoño que o estar a fachada con andamios facilitouno- e o Concello e o Alcalde agradeceron ao Deán a súa colaboración. É isto enfrontamento?

O Nadal é un momento moi bo para buscar “anticatolicismo”. O ano pasado foi que non se puxo o Belén no Obradoiro e que a cabalgata de reis tiña poucas carrozas e había poucos caramelos -que eu me enterase. ¿?

O Belén foi substituído por un que se colocou nunha Igrexa emblemática -San Fiz de Solovio, a parroquia máis antiga e a de máis tradición navideña da cidade- que o resto do ano ten un horario de apertura moi restrinxido.

Polo que se refire á cabalgata parece ser que antes había máis carrozas e que algunhas tiñan como animación bailarinas -majorettes. Que digo eu que a quen ían dirixidas esas carrozas e que ten a ver esa animación cos reis magos. O da falta de caramelos… xa non sei que dicir. Por unha banda os caramelos xa son problemáticos de serie; que se os azúcares, que se a lactosa… E por outra teño visto algunha persoa marchar para a casa cunha bolsa do supermercado case chea.

Este ano as críticas para o Nadal están na falta de gasto na iluminación e na ornamentación do Obradoiro.  A min un bosque de contos e sons do Nadal, que te podes meter dentro, paréceme canto menos orixinal.

Para as da cabalgata de reis haberá que esperar uns días.