En Marea

Onte estiven na Asemblea Xeral aberta de En Marea, que contenta me teñen.

Había bastante xente, especialmente tendo en conta que moita tivo que desplazarse para acudir. Os actos conxuntos celebráronse na sala Ángel Brage do auditorio que ten capacidade para unhas mil persoas. Nos momentos de máis afluencia estaba chea.

Vou empezar cunha maldade. Estaba Carolina Bescansa sen o seu fillo. Que digo eu que se a Teoría do Apego só funciona para os actos moi mediáticos. Entendo que hai que facer actos testemuñais pero que deberían ir parellos coa vida cotiá coma non traballar fóra do horario -e convocar roldas de prensa a horas pouco “conciliadoras” pero de máxima audiencia nos medios.

Outra observación de tipo xeral é que as intervencións dxs asistentes -había unha sección, En Marea escoita,  na que falaba quen quixera- foron fundamentalmente masculinas, calculo que pouco máis dun 10% eran mulleres.

Empezou coa intervención dxs políticxs -brillante Beiras, coma sempre- pero non abordaron “o tema” -partido instrumental- que si apareceu nos grupos de traballo e en En Marea escoita.

Total, que volvín para casa coa sensación de que case todxs os que estabamos alí queremos que En Marea poida ter grupo parlamentario propio. Pero non estaba previsto que nesa asemblea se tomase decisión algunha…

E agora xa non sei moi ben o que vai pasar, se seguirá a coalición ou se se presenta coma partido. Nin se nos van pedir opinión formalmente -na semblea parecía, polas intervencións e polos aplausos que as secundaban, que estabamos polo partido.

Parece que xa se está pensando nas autonómicas; tentar acordos co PSdG e co BNG para formar un bloque de esquerda ¿?

 

Ateneo de Santiago

10494628_415662498616157_8345417323675103312_n Estes días están aparecendo nas redes sociais moitas persoas que recordan a Galeano, moitas ilustran con fotos a súa relación con el…

É o normal, o pasamento de persoas destas características produce conmoción en moita xente, por esperado que sexa.

A min chamoume a atención esta porque dous dos que aparecen nela xa non están entre nós. E tamén porque está Beiras.

Non son moi obxectiva con Beiras, téñolle unha certa admiración intelectual dende que fun alumna súa. É unha persoa moi polifacética aínda que se coñeza mais coma político.

Esta foto fíxome recordar algo que teño pensado moitas veces e que mesmo algunha comentei -de forma privada- con algún ateneísta. Por qué Beiras nunca estivo no Ateneo? Cóstame aceptar que o Ateneo de Santiago non atopase aínda a ocasión de contar con el para ningunha das actividades que realizou -se non me falla a memoria, que pode ser.

Ao longo da curta vida do Ateneo de Santiago téñense organizado moitas actividades para as que se contou con moitísimas persoas de diferentes ámbitos científicos e ideolóxicos, e de diferentes lugares xeográficos.

Beiras é compostelán, é Licenciado en Dereito, é economista, é un político de longa e coherente traxectoria -creo-, ten as súas costas un brillante historial académico na Universidade -publicacións, catedrático e decano na súa facultade…

Vamos, que non creo que sexa por falta de méritos nin de relevancia social. E ao ser el tan polifacético hai mais dunha sección na que encaixaría.

Gustaríame ver a Beiras no Ateneo.