Pilaristas

Onte vin a reportaxe de Jordi Évole sobre o colexio do Pilar e o seu alumnado.

A min paréceme que o colexio ten pouco a ver nisto da fabricación de elite. Máis ben creo que foi a elite a que fixo ao colexio.

Madrid é embigo e os madrileñxs síntense un pouco así. Pero non só na dictadura. O goberno do estado está en Madrid, os gobernantes e as súas familias tamén. Moitas empresas -medios de comunicación incluídos- están en Madrid e os empresarios e as súas familias tamén. A repercusión de calquera acontecemento que se celebre en Madrid é maior que se se celebrase en calquera outro lugar. Mesmo a actividade cultural parece maior que a de Barcelona, por exemplo -que eu penso é, tanto en cantidade coma en calidade, superior.

Madrid é a capital do estado, e antes do estado do reino, logo moitos descendentes de nobles tamén teñen as súas propiedades aí. Que no centro desta cidade se xunten os restos da nobleza coa burguesía é o natural -tamén pasou nas outras cidades. En tódalas cidades houbo colexios privados de elite. No País Vasco tamén hai unha universidade, Deusto, da que tamén se dixo que era unha fábrica de dirixentes de calquera cor política.

Non teño dúbidas de que o colexio do Pilar, a universidade de Deusto e outros moitos centros de ensino de elite ofrecesen unha boa formación. Pero tampouco ten moito mérito. Traballar con alumnado dunha familia culta ou que valoraba a cultura -caso dalgúns burgueses- e con posibles para poñerlles profesorado particular, na casa, cando o alumnado era algo torpe… pois o normal é que rematen os estudos. Rematados os estudos, moi valorados naqueles momentos, colocarse tampouco era complicado; as propias familias tiñan as empresas, os bufetes, os cargos políticos… ou os cartos para os que saían artistas -que tamén houbo- ou emprendedores.

Estou segura de que en Barcelona tamén houbo colexios de elite dos que saíron moitos “personaxes ilustres”, que non foron vivir a Madrid e por iso non os coñecemos.

E en tódalas cidades, pero por lóxica e estatística nas pequenas menos cantidade. E moitos ían a Madrid ou Barcelona para prosperar máis.

Total… que penso que a “elite” vén -normalmente- das familias e do contorno social, non do colexio.

Pode que en algún momento a formación do Sistema educativo sexa máis determinante á hora de “formar dirixentes”.