Arriba-abaixo de esquerdas e de dereitas

Onte foi noite electoral e, coma sempre, un fato de xornalistas e políticxs analizan e analizan, dicindo sempre o mesmo -o mesmo en todas as intervencións e o mesmo tamén en cada noite electoral. Tampouco me sorprende porque dende as oito xa teñen que opinar das enquisas, das israelitas, dos resultados reais a partir do 1%… e así toda a noite. É imposible ter algo novo que dicir. Xa todxs coñecemos moi ben como vai isto das noites electorais e sabemos que as análises con menos do 80% escrutado son de recheo, para entreternos.

Nos partidos tampouco se arriscan e non sae ninguén comentar nada -ninguén que teña algunha posibilidade.

Pero curiosamente si que houbo un comentario que me sorprendeu, non polo contido -que xa o tiña eu pensado- senon por escoitalo nun medio de comunicación.

Llamazares dixo -non recordo literalmente pero espero que o sentido fora este, se non que me desculpe Llamazares- que se rompera a transversalidade.

Non vou pór máis palabras na súa boca porque el falou disto sen mencionar partidos, como é lóxico. Penso que a idea que quería transmitir era; C’s -non sei se poñelo en catalán ou en castelán- e Podemos presentáronse coma partidos que non eran de esquerdas nin de dereitas, que os seus simpatizantes e votantes abranguen un amplo campo do abano ideolóxico e político, que a súa definición era arriba-abaixo e que eles eran os de abaixo. Pero, nestas eleccións, a xente fixo a súa propia interpretación e diferenciou arriba-abaixo de esquerdas de arriba-abaixo de dereitas, deixando a transversalidade moi diminuída.

Pode que co tempo esta clasificación se consolide.

Advertisements