O amor

Que fartura!!! Pensei que xa nos desfixeramos desta lacra, pero parece que volve con forza.

A ver, que non é que en si mesmo sexa malo. Segundo a definición da Academia, “1. Sentimento de grande afección, amizade, tenrura, simpatía, etc., [que se experimenta por alguén]. 2. (…) acompañado de atracción sexual.”

Pero claro os sentimentos é o que teñen, que se poden utilizar para a manipulación -o medo tamén é un sentimento. A manifestación máis primitiva da manipulación do amor, para min, é a que fan as crianzas cando lle din a calquera dos proxenitores ou educadores -normalmente a nai, máis “adestrada”- cando as están reprendendo por algo que fixeron mal: “pois agora xa non te quero”. Tan pequerrechas e xa saben, instintivamente, que é o mellor “argumento”: se fas algo que me desgusta eres malx e entón xa non te quero, pero se rectificas podo volver quererte.

O amor é a base na que se sustenta o patriarcado, sempre son as mulleres as que teñen que coidar e protexer o amor dentro da familia, ademais do da parella.

Polos anos 70 as mulleres -moitas- empezamos a cuestionarnos o amor romántico porque moitas veces non se aprecia a liña que separa o amor do sometemento. A sabedoría popular está chea de ditos ou refráns que o confirman: Quien bien te quiere, te hará llorar; amores reñidos, los más queridos; amar y saber, todo junto no puede ser; el que se casa por todo pasa; ira de enamorados, amores doblados; quien bien quiere, bien obedece; el corazón tiene sus razones que la razón desconoce…

Aprendemos a compaxinar o amor coa liberdade; a amar a alguén e ter vida propia; a deixar a crianza nas Escolas infantís; as persoas maiores nos centros de día ou residencias… sen sentirnos culpables.

Pero a modernidade volveu rescatar ao amor. Empezouse a reprochar xs docentes que non queriamos ao alumnado, as nais que non aleitan o tempo suficiente, mesmo se entende e xustifica que se fagan cousas irracionais “porque estaba namoradx”, normalmente “a”.

E o amor chegou á política. “Non estamos de acordo, pero querémonos” ???

Pois eu case prefiro que vos poñades de acordo aínda que non vos queirades.

 

Advertisements