Botellóns

Dende o seu nacemento sempre foron moi controvertidos.

Tivo e ten partidarios e detractores por diferentes motivos pero poucas veces polo que a min me parece o máis importante: O consumo excesivo de alcohol.

O botellón ten, coma case todo, cousas boas e malas. E as malas están case sempre ocasionadas pola falta de educación cívica e/ou para a saúde.

De entrada que un grupo se reúna ao aire libre para escoitar música, e ata para “tomar algo”, non tería por que ocasionar un conflicto social ou de saúde, dependendo de coma se faga.

O problema xorde, coma case sempre, polo modo de facer as cousas, pola falta de educación.

Falta de educación para a saúde. O consumo de alcohol non é saúdable para quen o consume independentemente de que xs que o consumen ocasionen despois males a terceiras persoas, que tamén.

Falta de educación cívica. Molestar á veciñanza con ruído, provocar destrozos nos bens comúns ou deixar lixo en espazos comúns non está ben, estando bébedo ou sobrio.

Tentar resolver un problema con prohibicións no canto de con educación adoita levar a que as posicións se polaricen.

Os botellóns reflicten á perfección as consecuencias de levar aos extremos o binomio permisividade-intransixencia, que tan ben se nos dá.

Se hai que demonizar os botellóns que sexa polo consumo de alcohol, non porque perdan de vendelo os empresarios hosteleiros.

Unha romaría tamén é unha festa na que a xente come e bebe ao aire libre, coa excusa -ou non- de presentar respectos e devoción a algún santo. Adoitan ser en espazos illados e normalmente o impacto do lixo ou dos destrozos na zona son mínimos. Está claro cal é a diferenza entre romaría e botellón? A educación. A maioria das persoas que acoden a unha romaría respectan o lugar no que están.

Aproveitando a pandemia estamos asistindo a un fenómeno moi común en épocas de crise “A río revolto, ganancia de pescadores“. Os “emprendedores” ofrecen todo tipo de remedios -eficaces ou non. Os antivacinas aproveitan para mostrarnos os efectos perversos das vacinas. Os políticos para mostrarnos a incapacidade dos seus opoñentes ou mesmo para colocarlle aos opoñentes a súa propia incapacidade… E a cidadanía en xeral para chinchar ao do lado porque lle parece que non está todo o jodido que require a situación.

E digo eu… Non sería bo que actuásemos da forma máis normalizada posible cumprindo as normas sanitarias e sabendo que a seguridade absoluta non existe?

Insisto; menos extremismos nas prohibicións e máis educación. Non sexa que acabe impoñéndose a “libertad”

Milo

Ola meu pequerrecho,

Es da xeración COVID, iso é así. Pero éche un nome máis coma a X, a milenial… Xa verás que somos así, gústanos porlle nomes a todo.

Non creas todo o que che conten desta pandemia. Non é o peor que lle pasa ao mundo. Sen ir máis lonxe penso que a túa nai xa tivo pasado tempadas peores.

Pode que ti e a túa prima Nuria cheguedes aquí grazas a que tivemos que pasar bastante tempo na casa. Enténdeme, non só por iso. Aos teus pais xa lle andaba na cabeza o asunto pero, e isto é cousa miña, pode que as circunstancias xogaran a favor.

Tés un nome diferente -raro dirán moitxs. Eu tamén. E o do teu pai tampouco é dos máis comúns. A min gústame ter un nome raro. Cando empecei ir a escola mosqueoume un pouco que non houbese ninguén máis que se chamase así pero vinlle as vantaxes rapidiño, non facía falta engadir o apelido; era eu, Nair, e xa! sen ningunha dúbida.

Chegas a un mundo no que a cousa non está en xeral para botar foguetes pero ti podes ter unha vida razoabelmente boa; o teu pai é un tipo estupendo, a túa nai moi doce, o teu avó Toño ten moi boa conexión coa crianza, a túa avoa Luz vaiche facer comidas boísimas… Tes unha manchea de tíos e tías, primxs… Naces nunha sociedade desenvolvida con bos servicios públicos, aínda que nos oirás queixarnos dela todo o tempo porque sómosche un pouco dadxs ao pesimismo. Creme, vas estar ben.

Tamén chegas no mes das Matemáticas

Que se ben é certo que non teñen boa sona entre o alumnado, son a base de case todas as disciplinas científicas e tamén das artísticas; Música, pintura… Por non falar da influenza na formación do pensamento lóxico, que tanta falta nos fai.

Puideches rematar o círculo nacendo o día π (3.14), e fixeches o amago, pero ao remate preferiches nacer o mesmo día que o teu tío Jorge. Moi boa elección tamén.

Que quen son eu? Pois eu son tía do teu pai, tía avoa túa. Sonche a da calceta, ultimamente doume por aí. Fago cousas de lá para todo o mundo con diferentes resultados pero con boa intención. Tamén a que agasalla cadros cada vez que teño ocasión. Coma decidín vivir sóa ando un pouco a miña bóla pero pódese contar comigo para moitas cousas.

Benvido ao mundo e á familia!

Medo e pandemia

Medo

Substantivo masculino

  1. Sentimento de inquietude que se experimenta ante a presenza, real ou imaxinaria, dun perigo. O gato tenlle medo ao can. Non lle metas medo ao neno. Unha película de medo.
  2. Receo que se sente por culpa de algo que pode causar algunha molestia ou ter un algún efecto contrario ao esperado. Levantouse cedo por medo a perder o tren. SINÓNIMO temorAviseino cun telegrama, porque tiña medo de que non lle chegase a tempo a carta.

Se ben é certo que o medo pode ser útil nunha situación puntual extrema de perigo, na vida cotiá non adoita ser moi aconsellable.

Actualmente, debido á pandemia, este sentimento está moi presente en todxs nós. Nalgunhas persoas estase a converter en patolóxico.

Ao ser un sentimento non é racional pero a súa vez só se pode combater con racionalidade da persoa que o padece. Por iso costa tanto desfacerse del.

Non pretendo que o que vou dicir teña validez científica pero as situacións que prantexo foron reais.

Algunhas persoas teñen medo a morrer soas e pretenden que iso non ocorra. Pero é algo que ninguén che pode garantir.

Outras teñen medo a contaxiarse, especialmente as que pertencen a grupos vulnerábeis.

É normal, se non fose porque nesa obsesión entran persoas que as rodean ás que se lle pode facer a vida moi complicada.

Nas circunstancias que nos toca vivir estanse a producir situacións moi conflictivas, mesmo diría que violentas, por mor das persoas que polo seu medo intentan controlar absolutamente todolos actos de tódalas persoas coas que se atopan.

Tres casos desta semana.

  1. Unha persoa afea a outra -ìa soa- que non leve a máscara posta todo o tempo facendo deporte ao aire libre. Subliño todo o tempo porque si que a levaba posta no momento que se cruzaron -é algo que se fai con bastante frecuencia, aproveitar que é un espazo pouco transitado para baixar a máscara un anaquiño cando non hai ninguén cerca. Eu entendo que unha persoa que traballa todo o día cunha máscar posta queira estar ao aire libre, respirando sen máscara, algo de tempo. Pero as persoas con medo patolóxico, non. E as que cren que estar cabreada en vez de contenta vai mellor para combater a pandemia, tampouco.
  2. Nunha porta cortalumes atopei un cartel no que se nos pide mantela sempre aberta porque así “tocamos menos nos pomos”. Que digo eu que se será porque porque se hai virus xa non vai haber incendios… ??
  3. Un veciño protesta porque outro fuma no portal, fóra.

Que eu entendo, porque son racional, o medo.

Gustaríame que as persoas que teñen medo fixeran un esforzo -sei que algunhas o fan- para diferenciar o coidado necesario para evitar a propagación do virus, da intromisión nas accións que poden facer máis levadeira a vida.

E tamén que se deixase de utilizar a pandemia como argumento para controlar, en xeral.

Conflito social

O conflito -ou a alarma- social tamén ven ser utilizado como a cada quen le pareza. No caso do Nacionalismo utilizouse coma argumento para “erradicar” aos nacionalistas porque xera división e conflito, mesmo nas familias. Coma se eliminar aos nacionalistas fose resolver a situación.

E digo eu… non será que levamos o de xerar conflitos no ADN? Porque agora mesmo o conflito mudou do nacionalismo á máscara. Volvémonos todxs integristas e coma no nacionalismo agora queremos acabar co COVID eliminando as persoas que, polo que sexa, deciden poñer a máscara só cando é necesario e segundo a normativa actual. A normativa actual, a unha parte da poboación parécelle a correcta e por iso a segue, a outra parécelle insuficiente e pide que sexa máis estrita e que haxa que levar a máscara posta sempre, e outra parte pasa de todo.

Eu pertenzo ao primeiro grupo e moitas veces, os do segundo, parece que me queren responsabilizar dos brotes.

Polo que sabemos ata o de agora non houbo ningún brote que se producira porque dúas persoas sen máscara se cruzaron pola beirarúa. De feito cando se rastrexa posibles contaxiados pídese á persoa enferma a relación de persoas coas que se tivo contacto 15 minutos ou máis.

Xa sei que o que non se sabe hoxe pode saberse mañán, por iso se toman medidas de precaución para a poboación xeral. Pero eu penso, e as autoridades sanitarias parece que tamén, que agora mesmo o máis importante é o rastrexo para illar as asintomáticas e con síntomas leves.

O 100% de seguridade non existe neste caso -practicamente en ningún que non sexa un experimento científico.

Por iso penso que debemos buscar un equilibrio entre seguridade total e levar unha vida razoablemente normal.

Eu estou Tratando de conseguilo e para iso unha das cousas que fago é confiar no persoal sanitario, confiar en que a maioría das persoas son “normais” e a partir deste momento deixar de ler tódalas opinións que aparecen mas redes que non veñan dun organismo oficial sanitario.

“Abuelitxs”

As persoas maiores, igual que calquera colectivo de calquera idade, non somos todas iguais.

Xa manifestei noutras ocasións que non me gusta que me traten coma unha incapacitada, teña a idade que teña –sendo adulta e capaz.

A pandemia veu pór de manifesto, outra vez, que o patriarcado é especialmente agresivo coa xente maior.

Estou entrando nese tramo de idade, “o dos abuelitos”, de feito moita xente da miña idade ten netxs. E quero dicirlle a todas esas persoas que se senten mellor “facendo cousas polos demáis” que se aseguren de que en realidade están a facer algo polos demáis en vez de por si propios.

Voume centrar na situación actual. Sei, e tamen coñezo casos, que moita xente maior, capaz, estivo encerrada 50 días –ou os que fose- porque moitas persoas –familiares ou non- moi solidariamente lles facían todo para que non tiveran que saír da casa. Mesmo en poboacións pequenas nas que non houbo ningún caso de COVID19.

De verdade pensades, persoan tan solidarias, que a unha persoa que xa vai perdendo boa parte do control da súa vida por unha cuestión biolóxica lle fai ben que lle arrebaten a pouca autonomía que lles queda? Cousas como que me apetece comer hoxe, a sensación de estar un pouquiño ao aire libre, moverse algo que non sexa “facer largos de dorredor”… Estas pequenas cousas teñen moita importancia, especialmente se tes artrose e che gusta ser ti a que toma as decisións do que é bo ou malo para ti.

Estar tanto tempo illado non é bo para ninguén, para xs maiores peor porque temos máis facilidade para desorientarnos. Non quero dicir, para nada, que non haxa que facer o confinamento se as autoridades sanitarias o mandan ou mesmo se o recomendan. Pero se se pode saír de forma controlada para determinadas cousas, pois que o fagan tódolas que poidan. Tampouco teño nada que dicir se unha persoa decide, por si propia, quedarse na casa todo o tempo e que lle traian as cousas.. perfecto. Pero que cho ofrezan sen ti pedilo… así non. Porque dalgunha maneira te están “obrigando” a aceptalo; é boa xente que o fai polo teu ben e non lle vas facer o desptrezo de non aceptar!!!

Algunhas veces oín dicir que as persoas maiores queremos facer o que nos dá a gana, e si, no meu caso é certo. Pero tamén vos digo que esa expresión está moi mal utilizada. Dá por suposto que o que me dá a gana é malo ou inconveniente e non ten por que ser certo.