Pornografía

As primeiras películas porno das que tiven coñecemento foron Emmanuelle e El último tango en París. Xa sei que esta última non é porno, pero ata que non a vin non o souben. Non se proxectaba nas salas “normais” e nas cidades pequenas non había salas X, había viaxes organizadas a Francia para vela, apareceron copias piratas… Todo indicaba que era pornográfica.

As primeiras películas porno que vin foi nun establecemento hosteleiro. Despois de pechar o local, iamos co dono.

Máis tarde, en horario de madrugada, algunhas cadeas de TV puñan algunha.

Pensei que ver unha película porno podía ser unha boa forma de excitarse, no meu caso para masturbarme, pero puxéronmo difícil. A maioría non me excitaban nada. Decidín gravar moitas para logo revisalas e quedarme coas que me motivasen pero nin a estética nin o ritmo coincidían comigo. As que tiñan un ritmo mais próximo eran as de temática homosexual, pero non había case nengunha de lesbianas.

E é que o porno está feito para homes, é machista. Non é suficiente que toda a acción se centre nos órganos sexuais masculinos, no orgasmo masculino… Tamén hai que suliñar a pasividade masculina, pero non é suficiente, tamén ten que quedar clara a dominación que se produce a pesar da pasividade, por exemplo mostrando a incomodidade -arcadas- da muller durante unha felación -algo totalmente innecesario, as arcadas- dando por suposto que o sufrimento da muller supón un plus de pracer ao home.

Deixou de interesarme, por inútil, o cine porno e paseime a novela erótica: a colección de La sonrisa vertical de Tusquets editores, Anaïs Nin…

Espero que na actualidade o panorama do cine porno sexa diferente. Sei que hai algunha muller directora con intención de facer porno que non sexa machista. Aínda que me temo que o panorama non será moi diferente.

Masturbación

Que pouquiño mudaron tantas cousas!!!

Neste percorrido que fago pola miña sexualidade -e polo tanto pola concepción social desta en diferentes períodos- tiña que estar este aspecto. Pero algo que vin en Facebook fixo que me adiantase ao previsto.

Tratábase dun “meme” dunha suposta organización xuvenil cristiá que -independentemente da existencia real ou non da organización ou de se o contido era unha broma, con isto das redes sociais nunca se sabe- penalizaba moralmente (pecado) a masturbación feminina. A masculina tamén, de pasada. E había comentarios de todo tipo -atacando ou defendendo.

Vou ao meu.

Para min a masturbación foi, é, e será -tendo parella ou non, soa ou acompañada- unha faceta moi importante da miña sexualidade.

Ao principio, cando conseguir anticonceptivos era complicado, a masturbación mútua podía ser unha solución moi boa. Non sempre o era.

Como xa comentei, a educación sexual era inexistente e de sexo case non se falaba, corríase risco de enxuizamento. Durante un tempo, aínda que hoxe coste crelo, non tiña conciencia de que iso que facía, soa ou acompañada, era masturbarse. Nun momento souben que a veces os homes facíanse “pallas” pero iso era coma unha especie de necesidade física; chegaba un momento en que os testículos estaban xa cheos e había que baleiralos, así se explicaban as polucións nocturnas.

Pero as mulleres… Non recordo cando souben que a masturbación feminina existíse -aínda que fose pecado- pero pasados os 18, seguro. As mulleres empezamos a falar se sexo, entre nos, cando tiñamos mozo; que cousas facías, que cousas che gustaban, que cousas lle gustaban a el… Iamos aprendendo unas coa experiencia das outras, probando facer as cousas que che contaban e ver se che gustaban. Estas conversacións sempre estaban relacionadas co sexo en parella. Non recordo en toda a miña xuventude ter conversacións sobre a masturbación feminina.

E os homes, mesmo os máis liberais, non levaban moi ben saber que te masturbabas soa tendo unha relación de parella. Parece que afectaba a súa masculinidade por “non ser quen de satisfacerte”, coma se fose unha “tarefa” dos homes.

Nunca entendín, e sigo sen entender, por que algo que produce pracer e parece tan san, foi e sigue siendo tan deostado. Mesmo hoxe escoito nalgúns programas de TV como “insultan” aos homes chamándolle “pajillero” e ás mullers “masturbadora”. Se a masturbación en compañía non tivese connotacións pexorativas pode que diminuísen os embarazos de adolescentes.

Os non orgasmos

Xa na Universidade empecei a miña vida sexualmente adulta. Eran os anos 70 e a liberación sexual feminina xa chegara á universidade. Non ao resto da sociedade, pero alí si. Destaco feminina porque nese momento supúñase que os homes xa estaban liberados.

Para as mulleres era “progre” ter relacións sexuais –para os homes o único que cambiou é que agora tiñan máis posibilidades con máis persoas, polo demais, coma sempre. O tema dos anticonceptivos non estaba aínda resolto pero funcionaba unha especie de “mercado negro” de receitas: algúns médicos progres receitaban anticonceptivos para “regularizar o ciclo menstrual”.

Na miña facultade, que era a máis progre, dábase por suposto que todas nos deitabamos con alguén de forma regular ou esporádica. Isto a min quitoume moita presión porque eu era aínda fisicamente virxe, pero só para min.

Quitoume presión socialmente, pero non intimamente. A liberación sexual non mudou moito na maneira de considerar as “relacións sexuais completas”, completas quería dicir con penetración e a min a idea de “cortar” unha situación placenteira por unha penetración dolorosa non me facía moita graza. En máis dunha ocasión pensei que o mellor sería rematar con ese asunto cunha intervención cirúrxica –hoxe faise a contraria; restauración do hime. Non comentei moito este pensamento, e as pouquiñas veces que o fixen o comentario era que si estaba tola.

Mentres aprendín a finxir o non orgasmo, si, finxía que non o tiña.

Non tiñamos moita intimidade. Xs estudantes viñamos doutros pobos ou cidades e viviamos en residencias, colexios maiores, pensións, con familiares… especialmente nos primeiros anos. Nos últimos cursos xa se vivía en pisos compartidos. Non había espazos para as relacións sexuais. Había pubs, cafeterías e discotecas especializadas en parellas. Con pouca luz e facendo a vista gorda.  Ou o salón da pensión se non estaba a patroa. Nestes lugares as relacións eran só de magreo, obviamente. Tamén estaba a opción do coche no fondo do campus, se tiñas coche. Aquí xa adoitaban ser máis completas. Pero para a primeira penetración…

Así que, cun pouco de mala conciencia -pola unilateralidade- e nos espazos mencionados- tiña orgasmos con toda a discreción da que era capaz.

Adolescencia

Despois do internado pasei unha tempada na que o namoramento en si mesmo foi máis importante que a relación cos homes.

Vou primeiro situarme na época.

Transcorre a finais dos 60, principios dos 70. No ambiente estudiantil había un pouquiño de apertura sexual -polo maio francés- pero “daquela maneira”. A apertura consistía en que os homes querían a liberdade sexual das mulleres para ter relacións sexuais, pero pouco máis. O fondo seguía igual.

No resto da sociedade a cousa estaba chunga. Os métodos anticonceptivos eran os naturais, marcha atrás e Ogino. Conseguir preservativos era cousa de heroes porque mesmo os homes -xulgados máis laxamente- que os ían mercar eran considerados coma depravados, e que che receitasen a pílula… case imposible.

Con este panorama ter relacións sexuais con penetración era moi temerario. Había unha vantaxe, que a SIDA non chegara aínda a Europa polo que o embarazo era o maior enimigo. A maioría das mulleres só tiñan estas relacións cos seus mozos. E ser mozos era un vínculo moi forte, tanto ou máis que hoxe estar casadxs. A perda de liberdade das mulleres nesta relación era case total.

Eu pasei esta época entre relacións imposibles -con veraneantes ou que tiñan moza- e noivados de bicos e aloumiños nas mans (manitas)

Coas imposibles sufría, pero eran moi emocionantes -como as atraccións de feira- e tiñan a vantaxe de que, por non ter visos de continuidade, a excusa para non ter relacións sexuais con penetración era ben aceptada.

As de noivos eran algo emocionantes ao principio pero logo convertíanse nun pesadelo: perdía liberdade e a parte da sexualidade era un lío; o magreo só non era ben recebido polo mozo -que o consideraba preámbulo da penetración- e a penetración era moi arriscada e non a quería eu -que era moi sensata por aquelas.

Total, que tiña que estar pendente de que os aloumiños non foran moi lonxe porque podían interpretarse coma preámbulo doutra cousa -se te deixabas ir e logo non querías “chegar ao final” pasabas á categoría de quentabraguetas. Que tensión!!… Así non hai quen desfrute.

Ou sexa que o sentimento de namoramento era a mellor opción.

O internado

O tempo que estiven interna foi unha época asexuada. O meu interese polos homes, coma parella, tardou aínda en aparecer e as fotonovelas quedaran xa fóra da miña vida.

Non creo que sexa necesario aclarar que o colexio era feminino, pero por se hai alguén novx lendo isto direille que polos 60 as escolas e os colexios eran masculinos ou femininos. Nos pobos pequenos as escolas podían ser mixtas, se había pouco alumnado, e así cunha Mestra soa solucionaban o tema da Educación para todo o pobo. Nunha desas estiven eu, de moi pequena.

Mesmo a Escola de Maxisterio tiña aulas de mulleres e de homes pero tamén alí había excepcións; se despois de facer os grupos masculinos e os femininos, coa súa ratio correspondente, sobraba xente, entón facíase un grupo mixto.

A economía, tamén por aquelas, era máis importante que a moral.

Nesa idade -16, 17 ou máis anos- era bastante frecuente que as rapazas tivesen mozos, cos que se relacionaban por cartas que traían e levaban as externas.

Fronte ao Colexio había un Colexio Maior, só masculino. Os mozos dalgunha das rapazas estaban alí. Comunicábanse escribindo nas paredes cunha lanterna dende unha terraza -pola noite, claro- e eles contestaban da mesma forma. Mesmo ás veces facían unha cita doble cun amigo del e unha amiga dela. Víanse os domingos sempre que as internas tivesen posibilidade de que alguén da familia as viñese buscar. O de ter máis de 16 anos non contaba. A maioría de idade estaba nos 21.

Eu vivía todo isto coma espectadora, cun certo interese, mesmo as acompañaba á terraza, cun frío que pelaba, para as conversas nocturnas… Pero eu tiña outros intereses, que pasaban por aprobar o curso e a reválida.