Ecoloxismo: plástico e papel

Ás veces non entendo moi ben o ecoloxismo, ou mellor dito a moitxs ecoloxistas que andan polas redes.

Hai pouco había un fío no que se reprochaba a Mercadona (e aquí quero tamén dicir que non sei porque da a impresión de que os únicos empresarios “malos” son os de Mercadona e os do Grupo Indités) a utilización de plásticos cando anunciaron que ían substituír as bolsas de plástico polas de papel -basicamente dicían que hai que mudar tamén as do pan, da froita… e non só as que dan aos consumidores.

Polo que se informa á cidadanía eu entendo que o peor dos plasticos é o tratamento do refugallo. O plástico non degrada e polo tanto chega á cadea alimentaria humana ademais do mal que pode facer aos animais, tanto na alimentación coma fisicamente ao quedar atrapados ou afogados nel.

Supoño -aínda que isto non o oín- que no proceso de produción tamén se contaminará dalgunha maneira. Pero en tódolos procesos de produción -e ata na respiración- se produce contaminación.

Se o problema está basicamente no lixo a solución non será que paguemos as bolsas, coma se veu facendo ata o de agora senón en reducir, reempregar e reciclar.

Substituír o plástico por papel non o remato de ver. O papel é degradable, si, pero non é fácil de reutilizar -é moi perecedoiro- e unha parte importante non se pode reciclar -papel hixiénico, panos dos mocos, manteis, panos de mesa…- E tendo en conta de onde sae a materia prima para a súa fabricación…

Pois digo eu… Aumentar o consumo de papel é ecolóxico?

Enfermidades “mentais” leves

Hoxe vin nas redes unha entrevista da Voz de Galicia ao psiquiatra Francisco Vidal-Pardo. O titular é  “Hay que diferenciar depresión de tristeza”.

Despois de ler a entrevista, sorprendeume que se elixise este titular porque nela hai outras moitas declaracións que a min me parecerían menos obvias. Explícome; hai moitas “enfermidades do sistema nervioso”, que non son depresión, son máis leves -a depresión está considerada coma trastorno grave-, pero que tamén precisan tratamento farmacolóxico e que son moi incomprendidas socialmente.

Na mesma entrevista esta persoa di:

Pero cuando la ansiedad influye sobre el organismo y provoca un deterioro en la salud física influyendo por ejemplo en cuadros como hipertensión o un infarto de miocardio o patologías digestivas es entonces cuando los ansiolíticos ayudan a que esto disminuya, estando perfectamente indicados.

É dicir; unha crise de ansiedade pode producir trastornos físicos que se curan con tratamentos físicos. Por exemplo, un trastorno dixestivo hai que tratalo coma tal -independentemente do motivo que o provocou- e a ansiedade hai que reducila se non se quere que os danos físicos vaian a peor.

Tamén di:

También hay que considerar que el mundo de la farmacia y de la calle se interpreta como antidepresivos algunos fármacos que realmente son estabilizadores del humor, y como tal los médicos los indicamos. Hacen que no te afecten tanto los problemas, evitan el consumo y dosis de tranquilizantes, aumentan la estabilidad y la seguridad. (…) El «no te rayes» de los chavales produce mucha inseguridad. En estos casos los estabilizadores del humor van muy bien. A estos fármacos se les llama antidepresivos pero los psiquiatras sabemos que no lo son. Lo que hacen es volver a captar la serotonina, aprovechándola de nuevo. Esto por supuesto es una explicación simplista, para entenderse coloquialmente.

Esto é algo que tampouco se entende socialmente. Estabilizar o humor é algo que algunhas veces podemos facer por nós mesmos pero nalgunhas ocasións o asunto váisenos das mans -da cabeza neste caso-, perdemos a perspectiva e polo tanto a capacidade de controlar as sensacións que non nos deixan analizar a situación con obxectividade. As sensacións son máis poderosas que a racionalidade, por así dicilo, e iso xenera estrés e ansiedade. Non falo coma profesional da saúde senón coma paciente.

E aínda que a min non me importa falar de que en algúns momentos preciso axuda destes fármacos estabilizadores do humor, o mundo da docencia está cheo de persoas medicándose -case sempre pola medicina ambulatoria, porque recorrer á psiquiatría está estigmatizado- que o ocultan para que non as “xulguen”.

Penso que deberiamos “normalizar” este tipo de enfermidades coma unha gripe ou gastrite.

Non se trata de diferenciar unha enfermidade doutra senón de tratar a cada unha polo que é. O tratamento dun catarro non é o mesmo que o dunha pulmonía e as dúas son enfermidades do sistema respiratorio.

Crise

Estou en crise. Non sei se será de idade porque non teño coñecemento de que estea recoñecida a crise dos 60, dos 70, dos 80…

Aínda que eu estou convencida de que as ten que haber. Hai idades nas que as circunstancias favorecen determinados estados de ánimo. A algunhas se lles recoñecen socialmente as crises: aos tres anos recoñéceselle como normal a cabezonería por querer mostrar a autonomía; na adolescencia pola construcción da propia identidade… Pero chegando a idade adulta avanzada parece que só se pode entrar en crise polos problemas económico ou de saúde. Case ninguén entende que se tes un soldo ou pensión decentes; unha saúde normal; unha parella e uns fillxs que non teñen tampouco problemas graves -xs que teñan-… non tes por que ter unha crise.

Como é? Pois na superficie -seique non sempre as causas son as que parecen- é coma a canción de Brassens, La mauvaise réputation, que tamén cantou en castelán Paco Ibáñez.

Haga lo que haga es igual

Todo lo consideran mal,

Yo no pienso pues hacer ningún daño

Queriendo vivir fuera del rebaño;

Pero a cousa non remata aí porque xa non é só que faga todo mal, senón que se non fago nada tamén son responsable de moitas cousas malas que pasan.

E claro, chegou un momento que me petou un pouco a cabeza; instalóuseme nela a lavadora centrifugando en seco. Para xs que non me coñezan moito eu acostumo facer o símil da lavadora na cabeza cando te obsesionas con algo, empezas a darlle voltas de forma descontrolada e sen ser quen de parala; non atopas solucións ou as que atopas son extremadamente radicais.

Agora tócame asumir que vivir -entender a vida- de forma pouco convencional pasa a súa factura e buscar a forma de pagala sen “morrer no intento”.

Son bastante racional e coido que atoparei a maneira.

 

Tertulias e programas de humor

Non me gustan os programas nos que hai moita xente opinando sobre un tema e o éxito do programa baséase na confrontación sen ánimo de concordar que inevitablemente leve á violencia verbal.

Pouco a pouco fun deixando de ver programas deste tipo. Empecei polos do “corazón”; Sálvame, en todas as súas modalidades; e continuei polos de contido “político” en horario nocturno -pola mañán non vexo a TV-, La sexta noche e similares.

Deixei de velos porque, de entrada, non me gusta o ruído e tamén porque nin sequera concordaba coas persoas que defendían as causas coas que eu estaba de acordo. Explícome; moitas veces para defender unha causa boa utilízanse exemplos extremos que acaban desvirtuando a causa -non hai moito dicía que para defender as pensións non hai que pór a énfase no IPC, que tamén, senon na contía das mínimas.

Agora vexo programas de humor que tratan os temas con moita máis seriedade que as tertulias e dende o meu punto de vista fan diagnósticos dos males da sociedade moito máis acertados.

Hai pouco, en Late motiv, Roberto Henríquez (Bob Pop), co-subdirector e guionista do programa, dixo cousas coma estas: “La causa es buena (…) pero estamos eligiendo mal nuestros símbolos, nuestros referentes, (…), y a nuestros representantes (…). Elegimos bien las causas pero elegimos mal a los representantes” ou “demasiados influencers y muy pocos referentes”. E aínda que el mesmo nos di hoxe en Tuiter “Gracias. Lo estáis flipando con lo mío de anteanoche en y me estáis dando la razón: elegís fatal los referentes. Os sirve cualquiera. Incluso yo.” eu sempre o escoito con moita atención.

Ben, pois eu non só non escoito nada coma isto nas tertulias sesudas senon que o que escoito e como se utilizan moi malos referentes para defender moi boas causas.

E así estamos; as tertulias faríannos rir, se non fose porque o asunto é triste; e os programas de humor fannos pensar.

Manipulación

Hai máis ou menos un mes El País publicou esta viñeta de El Roto. Compartina nas redes porque me pareceu moi adecuada, coma sempre.

Sin título.png

Recoñezo que estou moi susceptible co da manipulación porque case todos os fenómenos sociais son tamén individuais e viceversa. As persoas que se dedican á política tentan manipular a sociedade pero as persoas que compoñemos a sociedade tamén intentamos manipularnos unhas ás outras.

En máis dunha ocasión manifestei a miña opinión sobre a correspondencia entre os hábitos das persoas que compoñen unha sociedade cos das que se dedican á política -que tamén son persoas desa sociedade. É máis doado que defraude a facenda un cidadán mediterráneo ca un do centro ou norte de Europa.

Pois ao que ía, a manipulación. O que está a pasar ultimamente cos medios de comunicación prodúceme unha certa carraxe. E xa non é polos medios “casposos”, aos que procuro evitar pola miña saúde mental, senon polos que consideraba independentes.

Refírome a todo este ruído de “corruptelas morais” que apareceron recentemente. Por exemplo un dos últimos, o caso da ministra Delgado. Primeiro aparece unha noticia falsa sobre unha cita profesional entre Delgado e Villarejo para interceder en favor do empresario Ángel Pérez-Maura. A ministra, e outos medios, desmentiron esta información. Neste contexto, Delgado dixo que non tivera ningún tipo de relación profesional con Villarejo. Pero coma os medios xa coñecían as gravacións insistiron ata que dixo que non tiña relación algunha. Logo apareceron as gravacións e acusaron á ministra de mentir, de mentir a toda a sociedade -porque parece que son xs xornalistas, e non o Parlamento, os representantes da sociedade.

Non é esto manipulación?

E, de seguido foise a suliñar a inmoralidade da ministra por relacionarse persoalmente con xente coma Villarejo… Isto xa é casquería pura.

Deixade de manipular a indignación porque comigo xa conseguistes que me indigne con varios medios que até o de agora consideraba independentes e que empezo a ver coma dependentes da “audiencia” que só busca encauzar a crispación coa falta de respecto, o insulto…

Argumentarios

Non sei se a indiganción que nos pedía Hessel era exactamente o que literalmente significa “Enfado moi violento acompañado dunha forte reacción agresiva.” A min as palabras agresivo, violento… e calquera sinónima ou derivada danme “cousiña”.

Estamos indignados o que nos leva á crispación e á irracionalidade. E, teño que recoñecer, a min non hai nada que me crispe máis que a irracionalidade.

Por iso me costa moito sumarme a algunha causa. O que sobra agora son “causas”. Pero o que me bota para atrás non é a causa, coa que normalmente estou dacordo, senon o argumentario.

Non temos cultura de debater. Nos países anglosaxóns é unha materia de estudo e práctica nas escolas. E cando o facemos non o facemos moi ben, utilizamos calquera argumento, sen que importe moito a lóxica.

Vou pór coma exemplo as reivindicacións dxs pensionistas.

Empezouse poñendo énfase no 0,25%, que a min paréceme o menos importante do tema. A persoa que non pode vivir da súa pensión tampouco o poderá facer con ese incremento porque tampouco podía antes da subida do IPC. De feito cando se produce o incremento dicimos que dous euros ao mes -ou os que sexan- non lle vai resolver o problema a ninguén. As persoas que temos pensións decentes podemos vivir delas e mesmo podemos -en situacións excepcionais- seguir vivindo delas se as conxelan uns poucos anos. Polo tanto, para min, a prioridade non é que se incrementen co IPC todas as pensións senon que se revisen as pensións máis baixas. Que si, xa sei que iso tamén se pide pero o caso é que o que se consegue é o incremento pero non a revisión.

Por que pasa isto? pois eu penso que porque non somos tan solidarixs coma nos parece. Se o que se reivindica é só a revisión das pensións máis baixas pode que non houbese tanta xente disposta a apoiar a causa.

Agora apareceu outro argumento que me deixou pampa; hai que subir as pensións para que poidamos manter axs fillxs e netxs. ???

O dito, deberiamos revisar os argumentos cos que defendemos as causas. Ás veces poden resultar contraproducentes.

Montón

Caeu a ministra. Non porque fixera mal o seu traballo senon porque unha Universidade levou moi lonxe o costume que teñen as universidades de “relaxo” nos requisitos que se esixe xs estudantes.

Sei que en moitas universidades para calquera Master, se unha persoa ten dificultade para asistir ás clases –porque está traballando ou por outras circunstancias- búscanselle alternativas para poder aprobar as asignaturas –presentar traballos…

En case todos os centros educativos o ensino é presencial. Segundo esta condición as dúas terceiras partes dos meus compañeiros de promoción obtiveron a licenciatura de forma irregular porque cada unha das persoas que asistiamos as clases colliamos apuntes para outras tres ou catro que aprobaban as asignaturas facendo os exames, eso si.

Gustaríame saber se todos os que rachan as vestiduras polos “Master” asistiron a tódalas clases de todas as asignaturas das súas carreiras.

Son socia de eldiario.es, e loxicamente concordo bastante coa súa liña editorial pero penso que con toda esa información que teñen deberían ir polos responsables desas irregularidades –que seguro que se cometeron con outra moita xente que se dedica a actividades privadas- e non só a polas que se dedican á política, que no caso de Montón nin sequera ten case nada a ver o Master –igualdade- coa súa responsabilidade coma política –sanidade.

Pero facer que unha política demita é máis doado e xera máis repercusión mediática que facer que uns funcionarios –profesorado ou da administración da Universidade- paguen polo que fixeron se é que fixeron algo ilegal.

Como eu o vexo habería que “ir” a por unha persoa que se dedica á política polas irregularidades que cometa desempeñando o seu cargo e non por roubar unhas cremas nun supermercado.