Carolina Bescansa

Non sempre concordo con ela, especialmente na forma.

Pareceume sobreactuada e innecesaria a presenza do seu fillo nos escanos do Congreso na cerimonia de configuración do Parlamento. Podo estar algo de acordo co da crianza de proximidade -tampouco moito porque a proximidade acaba sendo á nai, non ao pai- pero no seu caso o neno podería estar na gardería, que hai, e ela pasar por alí para amamantalo, ou simplemente para estar un pouco con el. Facelo como un acto testemuñal? Pareceríame ben se non desviase a atención do acto principal, sen dúbida máis importante.

Sen embargo teño que concordar con ela en que aspirar a ser a líder da formación política á que pertence non é motivo para renunciar á acta de deputada. A min nin sequera me parece que mereza algunha sanción por parte de Podemos -que supoño non terá.

Pero como en outras moitas ocasións a miña forma de ver as cousas e a dos medios de comunicación non coinciden.

Mentras que co do fillo moitos medios apoiárona -mesmo sacaron imaxes dunha parlamentaria europea facendo a súa intervención coa súa crianza no mesmo atril- neste caso parece que todos están moi sorprendidos de que non dimita.

Aínda considerando que pretender substituír ao líder sexa unha deslealdade -non é o meu caso-, faina menos válida coma parlamentaria?

Se o escano é dx parlamentarix e non do partido é precisamente para que se poida manter a independencia. Este tema tamén é peliagudo: Deben os partidos controlar xs parlamentarixs? Listas abertas?… pero este é outro asunto.

Pois ao que ía: paréceme moi mal asunto que se considere que debería dimitir. Non está na esencia da democracia que calquera persoa pode chegar a presidir o seu país?

Pois iso,

Advertisements

Folga de Pijas

Si, se cando din pijas queren dicir una persoa economicamente acomodada, cunha cultura medio alta e una formación académica tamén medio alta, pois pode que si, que esta folga fora deseñada por pijas e seguida por pijas e non pijas.

Pero, de sempre, xs revolucionarixs foron persoas cun certo acomodo económico, cunha formación alta- medio alta.

Á xente que ten como máxima preocupación comer tódolos días non lles queda moito tempo nin moitas ganas de darlle ao caletre buscando melloras para a sociedade no seu conxunto.

Eu son das das revoltas estudantís de principios dos 70. Estaba nos comités de curso da miña facultade pero a miña actividade política non era o ampla que a min me gustaría. Razón? Non podía permitirme que me detiveran, para meus pais xa supuña un esforzo enorme costear os nosos estudos –somos cinco irmáns- como para metelos noutros gastos de xuízos e avogados e posiblemente ter que renunciar a continuar estudando por mor dun expediente académico.

Logo si, para ser activista hai que estar en situacións extremas, ou non ter nada que perder –só as cadeas, que dicía o outro- ou ter pouco que perder –unha situación económica non desesperada.

Ser acomodado economicamente non che quita a razón. Feijoo botáballe en cara a Beiras que era dunha familia culta e acomodada, que puido estudar en boas universidades… mentres que el parece que pertence a una familia “máis humilde” e con iso xa quedaba resolto calquera asunto. Non sei que lles pasa aos de dereitas coa xente de esquerdas culta e instruída, estiveron tanto tempo tendo a exclusividade da formación que non se acostuman a non poder tacharte de ignorante como argumento definitivo e agora utilizan o de que es pija.

Pero pijas ou non estamos de acordo no que queremos; o mesmo salario, os mesmos postos de traballo, as mesmas responsabilidades…

Efectivamente as non pijas pode que non se poidan permitir facer folga e o triste é que probablemente non a poidan facer por ser mulleres. Razón suficiente para facela por elas.

Polo tanto eu agradézolle as pijas todo o que fagan para acadar a igualdade de oportunidades e de condicións -laborais, persoais…- para todas, as que poden facer folga,  as que non, e ata as que non queren ou mesmo están en contra.

 

Ley electoral

Acabo de ler o artigo de Angy Galvín “Los expertos coinciden: la Ley electoral perfecta no existe.”  publicado no diario.es.

Pode que o titular non sexa moi adecuado, por obvio, pero no corpo hai outras tamén outras afirmacións tamén obvias pero das que se fala menos.

Como o vexo eu -sen moito coñecemento científico das fórmulas que se utilizan para sesgar- a cousa está así. Vou por partes.

O sistema actual, Lei d’Hondt:

O que máis se escoita, favorece o bipartidismo. Está claro que favorece aos partidos máis votados en cada circunscrición pero tamén está claro -por evidente- que en España rompeuse co bipartidismo utilizando este mismo sistema. Logo pode que o problema esté na circunscrición e non na proporcionalidade. Cando se fala da inxustiza deste sistema con IU, por exemplo, case sempre se argumenta co número total de votos acadados coma se a circunscrición fose única.

Tamén favorece aos partidos nacionalistas, que só se presentan nunha comunidade. E volvemos á demarcación xeográfica, a concentración de votos.

Fai que as demarcacións máis pequenas -normalmente rurais- teñan proporcionalmente máis representación. Ben, isto pode ser bo ou malo segundo se mire. A min non me parece moi mal, non sei se habería que corrixilo algo. Pero a idea de que os escanos de Andalucía, Cataluña e Madrid (a poboación destas tres comunidades é aproximadamente a metade do total) sexan maioría absoluta no Parlamento non me fai graza ningunha. Este aspecto é cuestionado pola esquerda porque este tipo de electorado acostuma votar á dereita, pero eu preguntaríalles por que. É máis doado facer campaña nas grandes cidades onde a poboación está máis concentrada e tamén máis rendible porque hai máis escanos en xogo.

A proporcionalidade total -iso que se define coma unha persoa, un voto, que digo eu que vaia definición… coma se agora cada persoa tivese un núnero diferente de votos- pode que sexa científicamente exacta pero non me parece xusta, como xa dixen poríanos en mans de tres comunidades. De feito a que propón Podemos tampouco é proporcional, proporcional, senón outra forma de proporcionalidade.

Total, que esta nova fórmula tamén ten vantaxes e inconvenientes, igual que todas. E polo que parece prexudica ao PP e beneficia a C’s, basicamente. Tamén favorece algo a Podemos deixa ao PSOE case coma estaba. Moito me temo que, vanidades aparte por conseguir máis escanos, o problema de ter que pórse de acordo os partidos para formar un goberno estable vai seguir igual.

E se se explorara a circunscrición autonómica para as xerais?

Respecto de que voten as persoas maiores de 16… non sabería que dicirvos. Nesa idade -que coñezo porque lles din clase- non é que teñan moita madurez política, nin sequera persoal, coma para confiarlles o meu futuro.

De verdade alguén se poñería nas súas mans para algo importante?

Govern 1 – Gobierno 1

E voilà!!!  Xa estamos na situación típica: Todos gañan, todxs perdemos.

O referendum estase a celebrar -Govern 1-, e non vai servir para ren -Gobierno 1.

E así con todo, empregamos moito tempo e moitos recursos en cousas que non solucionan nada. Iso si, os medios de comunicación recollen todas estas “controversias” coma se aí estivese a solución de tódolos males.

Non vou falar de Cataluña ou do machismo, diso xa se fala nos medios todos os días. E que dicir… nin un problema nin o outro se están a solucionar por iso; mañán en Cataluña todo seguirá igual ca onte, e as -moitas- mulleres que escriben -ou se manifestan- sobre o machismo seguen a comportarse como machistas nos seus fogares.

Hai uns días atopeime nunha gasolineira cunha recollida de firmas para que non se perda emprego por mor do autoservicio. Nas redes tamén aparece cada día unha recollida de firmas para algunha “causa”.

E digo eu… non sería mellor que actuasemos máis e falasemos menos?

Eu non poño gasolina nas estacións que non teñen persoal para poñela, nin pago nas autoestradas nas cabinas de “pago fácil”.

Que esa é outra. Pago fácil?… perdoa bonito… pago fácil é aquél no que hai unha persoa que fai o seu traballo e polo tanto non tes que facelo ti. Pero nós, a cidadanía, somos tan “listxs” que sabemos relacionarnos estupendamente coas máquinas e agradecemos que nos fagan o favor de non ter que facer cola na única cabina na que hai unha persoa para atendernos. Porque claro, somos persoas moi activas e o non podemos perder uns minutos do noso valioso tempo -e que podemos aproveitar para socializar nas redes.

E así con todo… A vida parece estar nos medios e nas redes. Coñezo xente nova que se sorprende moito coa vida real.

Penso que deberiamos pedirnos a nós mesmos ser un pouco máis consecuentes.

 

Conflito xeneracional. Aleluia, IU.

Púxose de moda a aprendizaxe pola investigación e a experimentación, que está ben. Pero tampouco ten nada de malo aprender das investigacións e dos experimentos doutros. Entre outras cousas porque o proceso da aprendizaxe sería moi lenta e moi limitada se cada persoa só tivese os coñecementos adquiridos pola súa propia investigación e experimentación.

Coma non nos gustan os termos medios, pasamos de aprender só o que nos contaban os “maiores” a cuestionar ou desbotar calquera cousa que veña deles.

Isto vén a conto dunha iniciativa que IU está a levar a cabo para derrogar os acordos coa Santa Sé. Aleluia!!!

Entre os anos 1985 e 1990 (+-) estabamos no Ministerio de Educación -sendo ministro Maravall- preparando unha Lei de Educación (LOXSE). A intención, entre outras, era retirar do ensino a materia de relixión. E topámonos cos acordos coa Santa Sé. Maravall tentou derrogar eses acordos pero o goberno ao que pertencía non o considerou oportuno nese momento. Con todo esa disciplina quitouse do currículo -non era avaliable-, pero non do horario. Do currículo ocupábase a Igrexa -supervisado polo Ministerio.

E a partir de aí empezou a “guerra”. Dependendo de quen estea no goberno a nota de relixión conta ou non, pero a asignatura segue aí porque así o determinan os acordos.

Despois de máis de trinta anos IU argumenta na súa petición de sinaturas para derrogalos que non se pode facer moito ao repecto da laicidade porque sempre se tropeza cos dichosos acordos.

En fechas recientes se ha creado una Subcomisión en el Congreso de los Diputados para la consecución de un pretendido “pacto educativo”, que en ningún caso podrá avanzar en la necesaria laicidad de la enseñanza si se desarrolla bajo las condiciones de dichos Acuerdos.

En serio? Despois de trinta anos? É que non falan cos maiores?

Se non vai desta espero que non haxa que esperar a que os fillos dos que se deron conta agora, experimenten a necesidade por si mesmos dentro doutros trinta anos.

Con todo agradezo a iniciativa. Por aí ten que ir o asunto e non quedarse en se a nota conta ou non ou se na TV emiten a misa.

Estratexia da presión

Hoxe segue a resaca da moción de censura, que seguro durará moito porque, en boa parte, diso se trata.

Moléstame coincidir, aínda que sexa pouco, coa xente de dereitas. Non sempre a razón está dun lado só.

A miña discrepancia co Podemos de Pablo Iglesias está na forma porque ao remate pola forma non se pode chegar ao fondo.

Podemos naceu nas rúas. Puido quedarse nun movemento reivindicativo social pero preferiron levar a súa loita ao Parlamento. Ben feito, penso. Pero, ao meu ver, no canto de utilizar o Parlamento para resolver os problemas da cidadanía, utilizárono coma se fose a rúa, só para polos de manifesto.

Primeiro no europeo cun discurso escrito -o que indica premeditación- que sobrepasaba con moito o tempo marcado para provocar reiterados avisos e amonestacións… polémica. Para logo non voltar máis, porque ese non era o seu fin.

No español tamén chamaron a atención coa reivindicación da maternidade de proximidade e logo non vin propostas para que tódalas nais poidan facer o mesmo… por poñer un exemplo.

En canto a posta en práctica desa nova política de acordos -necesaria se non existe bipartidismo- tampouco os vexo moi finos. Se van ter que negociar co PSOE non acabo de ver a estratexia. Tampouco entendo que o PSOE negue a Podemos, moi probablemente teñan que entenderse. Non entendo a un nin a outro, pero agora falo da moción de censura.

Hoxe hai moitos titulares do tipo “Podemos presiona al PSOE”, E efectivamente… esa é a estratexia do Podemos de Iglesias -non sei se Errejón a compartiría. Presionar con feitos consumados no canto de definir conxuntamente as actuacións. E non é a primeira vez que o fai.

Presionar non me parece unha boa forma de negociación. Son muller e seino, podedes crerme. No caso das mulleres tamén se lle chama acoso.

Esta forma de facer política non me parece nada nova. Claro que pode que eu non o entenda porque non vexo as series de loita polo poder -Xogo de tronos e similares- de referencia desta xeneración.

Unha moción de censura podería ser necesaria, pero non desta maneira.

Se é necesaria e se utiliza unha estratexia que leva a que non saia adiante… Que c** estamos a facer?

Podemos e o fútbol

Cada vez entendo menos a Podemos.

Empezou gustándome o discurso de Pablo Iglesias, pareceume interesante que creara un partido para concorrer ás eleccións e ata lle din o meu voto a ese partido -en coalición con outras forzas.

Defraudoume o feito de que “as confluencias” non poidesen formar grupo parlamentario propio. Tamén me defraudou que non se poidese formar un goberno alternativo ao PP -tanto me ten canta responsabilidade sexa de cada quen- e mudei o meu voto.

Pero seguíame parecendo unha moi boa opción política.

Agora mesmo xa non sei que pensar. Estou tendo a impresión de que lle importa máis o ruído mediático que a actividade política real, a que resolve os problemas da xente.

Pedir que non emitan a misa na TV en vez de derogar o Concordato… e cousas similares non van resolver nada.

E agora a moción de censura. Que eu pregúntome se o que importa e sacar ao PP do goberno ou ter protagonismo. Hai algunha posibilidade real de que a moción se chege a presentar? E se se presenta… Que posibilidade hai de gañala? E xa que estamos especulando, cal sería o plan para despois de gañala?

Eso si, imos estar entretidos un lote de tempo con todas estas especulacións, as cadeas de TV encantadas… e a casa sen varrer.

Pois o mesmo que sempre se dixo do fútbol: ternos ocupados en parvadas para que non pensemos noutras cousas.