Ola, ruliña!
Xa estás aquí. Os teus pais están moi contentos e a túa nai bastante aliviada, supoño, porque as últimas semanas foron algo incómodas.
É que resulta que decidiches esperar sentada. Que eu tamén o entendo, en principio ten bastante lóxica. Porque esperar cabeza abaixo -que parece ser o normal- dende fóra non se ve moi confortable.
Eu son unha tía-avoa, a que tece xerseis, chaquetas, mantas… que son coma os pementos de Padrón; uns saen ben, e outros non. Contigo, ao ser a cuarta, pode que atinara un pouco mellor, algo fun aprendendo. Para compensar adoitan ser bastante orixinais e con certa dificultade de elaboración.
Tés un irmán, Milo, que é moi alegre, sociable e atrevido. Sempre está disposto a ofrecer un sorriso a calquera mostra de atención que lle fagas. Seguro que aprendes moito con el.
Aquí vas estar ben; A familia, a cidade, o país… Toda a contorna é bastante favorable. Non perfectos, non hai nada perfecto, pero razoablemente amables para que poidas medrar comodamente e converterte na muller que ti decidas ser.
Naceches o mesmo día que Quevedo (o escritor) ou Blanco Amor e tamén que Amy Winehouse, artistaza cos seus demos, ou Kate Millett, feminista estadounidense, que defendía -a mediados do século pasado- que o patriarcado non deriva da esencia humana senón da cultura. Boa xente.
Chegas no medio da borrasca Danielle -anteriormente foi un furacán- que non son frecuentes nesta época, pero tranquila, non é nada, un pouco de chuvia -que facía falta- algo de vento e nada máis. Xa che avanzo que os humanos sómosche bastante esaxerados e decontado facemos unha traxedia de calquera cousiña.
Benvida ao mundo!!!