Nuria

Ola miña ruliña,

Outra da xeneración COVID! Non hai moito daba tamén a benvida ao teu primo Milo neste mesmo blog.

Estaba previsto que naceras en xuño pero parece que eres máis de improvisar. Penso que teus pais vancho agradecer, esperar estresa moito.

Este mesmo día, 25 de maio, ademais do teu nacemento, pasaron algunhas cousas importantes no mundo.

Naceu, hay moito tempo, Louise Hammarström, a primeira muller sueca que recibiu educación formal en Química,

Mike Oldfield lanza o seu disco Tubular Bells. Isto é unha cita interesada, gústame moito a min,

E os gobernos de varios países europeos declaran “Inimigo do mundo” a Napoleón Bonaparte. Por poñerte algún exemplo.

Naces pasado xa o inverno, boa idea.

Hai algo que che quero dicir; ten moito tino cos mitos, especialmente co do “Amor romántico”. Nalgún tempo xa te darás de conta que é unha teima que teño.

A Mestra Hipatia parece que dixo -destas datas é difícil ter información fidedigna- xa polo século IV da nosa época, que

As fábulas deben ensinarse coma fábulas, os mitos coma mitos e os miragres coma fantasías poéticas. Ensinar supersticións coma se fosen verdades é terrible. A mente das crianzas acéptaas e cre, e só cunha grande dor, e tal vez traxedia, poderáse libras delas cos anos. De feito, a xente pelexa por unha superstición tanto coma por unha verdade, ou incluso máis.

Hipatia de Alexandría

Afortunadamente tanto o teu pai coma a túa nai son persoas de Ciencia e non van permitir que a aceptación do irracional e ilóxico forme parte do teu pensamento.

Por outra banda a túa nai será un bo referente feminino para ti. É unha persoa que busca o que quere con naturalidade, sen vitimismos.

Polo que respecta á gastronomía -avoas “cocinillas” á parte- poderíase dicir que es coma un combinado “mar e terra”. Tes raíces de dúas Comunidades con produtos de primeira calidade: patacas, peixe e marisco por unha banda e pemento, carne e embutidos pola outra.

Pois aquí estás, de momento algo maltreita. Pero a túa vida pinta ben, tes unha familia que te esperaba coma auga de maio, nunca mellor dito, vas vivir nunha sociedade que sendo moi mellorable non está mal…

Pois iso, todo razonablemente ben.

Benvida!!!

Botellóns

Dende o seu nacemento sempre foron moi controvertidos.

Tivo e ten partidarios e detractores por diferentes motivos pero poucas veces polo que a min me parece o máis importante: O consumo excesivo de alcohol.

O botellón ten, coma case todo, cousas boas e malas. E as malas están case sempre ocasionadas pola falta de educación cívica e/ou para a saúde.

De entrada que un grupo se reúna ao aire libre para escoitar música, e ata para “tomar algo”, non tería por que ocasionar un conflicto social ou de saúde, dependendo de coma se faga.

O problema xorde, coma case sempre, polo modo de facer as cousas, pola falta de educación.

Falta de educación para a saúde. O consumo de alcohol non é saúdable para quen o consume independentemente de que xs que o consumen ocasionen despois males a terceiras persoas, que tamén.

Falta de educación cívica. Molestar á veciñanza con ruído, provocar destrozos nos bens comúns ou deixar lixo en espazos comúns non está ben, estando bébedo ou sobrio.

Tentar resolver un problema con prohibicións no canto de con educación adoita levar a que as posicións se polaricen.

Os botellóns reflicten á perfección as consecuencias de levar aos extremos o binomio permisividade-intransixencia, que tan ben se nos dá.

Se hai que demonizar os botellóns que sexa polo consumo de alcohol, non porque perdan de vendelo os empresarios hosteleiros.

Unha romaría tamén é unha festa na que a xente come e bebe ao aire libre, coa excusa -ou non- de presentar respectos e devoción a algún santo. Adoitan ser en espazos illados e normalmente o impacto do lixo ou dos destrozos na zona son mínimos. Está claro cal é a diferenza entre romaría e botellón? A educación. A maioria das persoas que acoden a unha romaría respectan o lugar no que están.

Aproveitando a pandemia estamos asistindo a un fenómeno moi común en épocas de crise “A río revolto, ganancia de pescadores“. Os “emprendedores” ofrecen todo tipo de remedios -eficaces ou non. Os antivacinas aproveitan para mostrarnos os efectos perversos das vacinas. Os políticos para mostrarnos a incapacidade dos seus opoñentes ou mesmo para colocarlle aos opoñentes a súa propia incapacidade… E a cidadanía en xeral para chinchar ao do lado porque lle parece que non está todo o jodido que require a situación.

E digo eu… Non sería bo que actuásemos da forma máis normalizada posible cumprindo as normas sanitarias e sabendo que a seguridade absoluta non existe?

Insisto; menos extremismos nas prohibicións e máis educación. Non sexa que acabe impoñéndose a “libertad”